As Pontes, 18 de xuño de 2019. O Concello de As Pontes reforzará, durante a época estival, a súa plantilla laboral grazas á concesión de distintas achegas procedentes da Deputación da Coruña así como a través da asignación de fondos propios.

Son 24 empregados que chegarán para reforzar diferentes departamentos municipais e que posibilitarán mellorar os servizos públicos locais de limpeza, obras, vixiar a seguridade dos bañistas na praia do Lago así como atender a persoas en situación de dependencia no domicilio, entre outras cuestións, ó tempo que permite continuar promovendo a xeración de emprego na vila.

Os novos empregados, xa seleccionados, e que maioritariamente se incorporarán aos seus postos de traballo durante as vindeiras semanas, son 12 peóns de obras e limpeza e dous tractoristas, contratados grazas á liña de axuda habilitada pola Deputación da Coruña a través do Plan de Integración Laboral, para a realización de traballos de interese xeral do municipio.

Por outra banda, a través de diversas achegas provenientes do organismo provincial, desde o luns, o Concello de As Pontes conta con dous técnicos de turismo, un dos cales desenvolverá o seu traballo no punto de información turística, situado na contorna do Lago.

Durante o mes de xullo, dous socorristas e un técnico para a Ecoescola das Campeiras uniranse á plantilla municipal. O proceso para a selección dos socorristas comezou o día 17 de xuño e os interesados poden presentar a documentación, ata o luns, 24 de xuño, no Rexistro Municipal.

A súa vez, mediante fondos propios, o Concello fará efectiva a contratación de catro auxiliares de axuda a domicilio, que se sumarán ó persoal do programa municipal de atención a domicilio, para realizar tarefas de atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás e na organización do domicilio a persoas dependentes da vila.

Asemade, o goberno municipal procederá á contratación dun auxiliar administrativo debido á acumulación de tarefas e diferentes áreas de xestión municipal.