O Concello logra a inserción de 40 ponteses no mercado laboral

175

As Pontes, 7 de maio de 2018. O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego insertou no mercado laboral, durante os últimos tres anos, a 40 veciños inscritos no servizo de intermediación laboral do municipio.

O servizo de intermediación laboral do Concello de As Pontes ten como obxectivo proporcionar ós demandantes de emprego ofertas axeitadas ós seus perfís e preseleccionar ó persoal que se axusta ás necesidades das empresas axilizando, deste xeito, os procesos selectivos e procurando o axuste entre as ofertas de emprego e os candidatos, ofrecendo maiores oportunidades de inserción laboral ós veciños.

Desde o ano 2015, a Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego tramitou un total de 121 ofertas de emprego en empresas privadas, logrando a inserción do 33% dos usuarios que empregaron este servizo municipal.

Os principais sectores de ocupación foron a construción, a industria e os servizos que demandaban operarios de liña de produción, electromecánicos de mantemento industrial ou operarios de fabricación no ámbito do metal, así como coidadores de persoas dependentes e profesionais do sector hostaleiro, respectivamente.

Ana Pena, responsable da área de emprego do Concello de As Pontes subliña que “estes datos xunto co descenso da taxa do paro, próximo ó 37% nos últimos tres anos, e co crecemento do número de afiliacións á Seguridade Social que se sitúa no 13% con respecto ó ano 2015, amosan unha tendencia positiva en canto á creación de emprego no noso municipio e, desde o goberno local seguiremos utilizando, dentro das nosas competencias, todas as ferramentas dispoñibles para seguir impulsando o noso mercado laboral”.

Por outra banda, dentro da súa aposta polo emprego e co obxectivo de dispor dun capital humano pontés cualificado, con maiores e mellores posiblidades para incorporarse ó mercado de traballo, o goberno local ofrece un servizo de orientación profesional, información, asesoramento e formación “que permite que os veciños en situación de desemprego poidan ampliar e actualizar os seus coñecementos profesionais, desenvolver as súas habilidades e outros aspectos persoais que melloran a súa empregabilidade e que contribúen a fomentar o emprego na nosa localidade” remarca Pena.