O Concello investirá 2,7 millóns de euros na mellora da accesibilidade e servizos no casco urbano

225

A inversión, provinte de fondos da Deputación, permitirá levar a cabo 14 actuacións

– As obras están destinadas á remodelación integral da zona urbana

As Pontes, 26 de decembro de 2018. O Concello de As Pontes realizará, durante o ano 2019, unha inversión de 2.728.783 euros para continuar co seu plan de mellora da accesibilidade e servizos no casco urbano a través do que quere garantir unha mellor calidade de vida entre toda a veciñanza.

Esta inversión, con cargo ó Plan de Obras e Servizos (POS+) 2019 da Deputación da Coruña, permitirá levar a cabo 14 actuacións entre as que se atopa a mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia, fase III á que se destinará 227.563 euros e que permitirá a eliminación do desnivel entre a estrada e as beirarrúas peonís, a mellora da iluminación e a separación da rede de drenaxe da rede de saneamento así como a renovación do mobiliario urbano.

Asemade, dedicaranse 168.441 euros á construción dunha pasarela peonil sobre o río Eume, paralela á ponte de Isabel II, unha actuación orientada a minimizar o impacto visual a través dunha estrutura formada por una cercha tridimensional metálica e chan con acabado en tarima de madeira tecnolóxica, conformando unha zona de tránsito máis ampla e que non impide a visibilización da contorna.

Tamén está previsto dedicar 137.383 euros ó proxecto básico e de execución de mellora da accesibilidade e renovación do pavimento na Avenida de Lugo así como a reposición das instalacións de saneamento e alumeado urbano, na marxe dereita, entre a Rúa Caraveis e o viario da Cuíña. O proxecto tamén prevé a renovación das árbores da zona, que se colocarán fora do itinerario peonil e con pavimento drenante nos alcorques.

Outro dos proxectos previstos polo goberno municipal de As Pontes é a reposición de servizos e pavimentos na Avenida da Habana, entre a Praza do Hospital e a Rúa Monfero, cunha partida de 170.818 euros. O proxecto contempla o cambio da iluminación pública, coa instalación de novos puntos con tecnoloxía LED, sobre báculos dobres con luminaria de estrada e de paseo para a beirarrúa, e a execución dunha nova rede de recollida de pluviais separativa, en ambas marxes do viario. Asemade procederase á renovación das beirarrúas e do pavimento do viario así como do mobiliario urbano coa dotación de bancos, papeleiras e xardineiras e coa sinalización horizontal precisa.

Na zona próxima ó lago, o Concello de As Pontes levará a cabo un ambicioso plan de reforma integral da contorna que inclúe a mellora de servizos e pavimentos na Rúa Pardo Bazán, Fase I, cun orzamento de 461.846,26 euros, a mellora da Rúa Antonio Machado por 199.138 euros e o proxecto básico e de execución de mellora de servizos e pavimentos na Rúa A Casilla, por 86.491 euros.

No caso da Rúa Pardo Bazán (Fase I) o proxecto, acordado coa veciñanza, permitirá resolver os problemas de accesibilidade e seguridade viaria da zona coa eliminación do dobre sentido do tráfico, entre a intersección coas rúas Valle Inclán e Pablo Picasso.

Procederase, ó mesmo tempo, á ampliación do aparcadoiro en batería e á substitución dos pavimentos, tanto nas beirarrúas como na zona de tránsito de vehículos, así como a renovación da rede de alumeado e saneamento. Por outra banda, o proxecto tamén permitirá a creación dun espazo lúdico, con parque infantil e parque biosaudable.

A actuación de mellora da Rúa Antonio Machado prevé a renovación do pavimento existente con formigón continuo coloreado e o fresado da capa superficial do pavimento do viario para aportar unha nova capa de aglomerado. Asemade executarase a canalización para o alumeado público e levarase a cabo a adaptación de pozos, arquetas e sumidoiros á nova rasante.

Na Rúa A Casilla as obras están encamiñadas, por unha banda a mellorar a pavimentación e a accesibilidade na marxe dereita, entre as rúas Eduardo Pondal e Curros Enríquez e por outra, á renovación das instalacións de saneamento e iluminación; cunha rede separativa das augas pluviais e fecais e a substitución das luminarias que se atopan nas fachadas dos edificios por novos báculos e luminarias na beirarrúa.

Por outra banda, O Concello de As Pontes destinará 187.854 euros ás obras de reposición de servizos e pavimentos na Rúa Cabanas que inclúen a execución dunha nova rede de recollida de pluviais separativa, por ambas as dúas marxes do viario, e una nova canalización para a iluminación pública na marxe dereita e a substitución da canalización de alimentación en toda a zona. Tamén se levará a cabo a creación de novas beirarrúas e a renovación da capa de rodadura. As obras rematarán coa instalación de mobiliario urbano e sinalización horizontal.

Asemade, o goberno municipal destinará no ano 2019, 180.974 euros á mellora da rúa Vía Romana. Esta actuación permitirá o acondicionamento do viario, a mellora da accesibilidade e calidade do espazo público, coa definición de vaos para salvar as diferenzas de rasante entre o viario e as beirarrúas e á substitución do pavimento nas zonas de tránsito peonil e rehabilitación do firme da calzada. Levaranse a cabo actuacións complementarias de renovación das redes de alumeado e saneamento e a instalación de mobiliario urbano e a sinalización correspondente.

O proxecto deseñado para a Avenida das Campeiras, cunha inversión de 116.330 euros, prevé a renovación da pavimentación, iluminación e mobiliario urbano nas zonas peonís no tramo comprendido entre o cruce da Avenida Monte Caxado e a rúa Covelos. As actuacións previstas levaranse a cabo respectando a disposición actual e anchos das beirarrúas, incluíndo elementos que garantan a seguridade de persoas con mobilidade reducida ou con discapacidades visuais.

O Concello de As Pontes tamén executará un proxecto de mellora da accesibilidade e humanización da contorna do cemiterio dos Alimpadoiros por 122.465 euros, consistente na creación de dous conxuntos de ramplas, para uso exclusivo dos peóns, para salvar os desniveis existentes na entrada ó recinto, e a instalación de barandas de protección. Ó mesmo tempo, repararase o pavimento da zona de tránsito co fresado das zonas precisas e aglomerado na contorna das ramplas.

Da chega provincial do 2019, investirase unha partida de 347.500 euros ó proxecto básico e de execución de obras de renovación e mellora de accesibilidade na Piscina Municipal. As actuacións previstas permitirán levar a cabo a adaptación e renovación de espazos interiores existentes, coa mellora do deseño e funcionalidade da zona dos vestiarios, a reubicación da salas de ximnasio ademais dunha serie de reformas para a mellora das condicións de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

Este proxecto tamén contempla a creación dunha zona de espera, próxima á entrada do edificio, e unha zona complementaria á sauna, de relax e duchas de contraste. Asemade realizaranse melloras nos acabados co repintado da fachada, a reposición de cristais rotos, alicatados, espellos, sanitarios e equipamento específico.

Por outra banda, o Concello de As Pontes investirá 79.980 euros na renovación e mellora da accesibilidade no patio exterior do Conservatorio Profesional de Música coa instalación dun novo pavimento a nivel cos accesos e pórticos do edificio que te permitirá a mellora da evacuación de augas pluviais. Tamén se acometerán obras de mellora e renovación da rede de saneamento.

Finalmente o goberno municipal procederá á rehabilitación da edificación para o local situado na Praza da Igrexia nº 3, proxecto no que investirá 242.000 euros, co obxectivo de recuperar a edificación para o uso público como local sociocultural, habilitando os espazos para a creación de dúas aulas taller e dous ámbitos multiusos, a instalación dun ascensor, escaleiras, aseos e zonas de almacenaxe.

Ademais levarase a cabo unha rehabilitación total da edificación mediante o saneado e estabilización de muros e a substitución das carpintarías e as instalacións de elementos e sistemas necesarios para dotar ó edificio de electricidade, alumeado, telecomunicacións, evacuación de residuos e recollida de pluviais, ventilación, fontanería, calefacción e climatización, segundo os requisitos de aforro de enerxía e eficiencia enerxética.