As Pontes, 6 de novembro de 2018.  O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Benestar Social, destina, durante o curso 2018-2019, 42.183,93 euros á financiación de dous programas educativos, postos en marcha coa colaboración dos servizos de orientación escolar dos centros educativos de primaria e secundaria do municipio, encamiñados a promover a inclusión social entre os menores da vila.

A través do “Programa educativo e de dinamización da infancia”, por sexto ano consecutivo, o goberno local busca impulsar a integración e desenvolvemento individual, social e emocional dos menores ponteses, en risco de exclusión, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, a través de actividades personalizadas dirixidas a mellorar as súas competencias educativas.

Este programa, cun orzamento de 16.152,21 euros e no que participan 12 nenos e nenas, ten entre os seus obxectivos prioritarios dinamizar e fomentar a aprendizaxe a través de actividades que permiten traballar aspectos esenciais para o crecemento dos menores tales como a autoestima, a motivación, as habilidades sociais ou o compañeirismo.

A concelleira de Benestar Social, Isabel Fornos, remarca que “con esta iniciativa buscamos promover valores positivos nos ámbitos do medio ambiente, a saúde, o lecer ou a igualdade, aspectos esenciais para vivir en sociedade e, ó mesmo tempo, intentamos facer partícipes ás familias do proceso educativo dos seus fillos, amosándolles a importancia da súa formación cara o futuro”.

A programación deseñada pola educadora social ó fronte desta iniciativa, que se estenderá ata o 30 de xuño, inclúe obradoiros de hixiene, sendeirismo, reciclaxe, actividades de convivencia, talleres de lectura comprensiva ou xestión emocional, entre outras.

Asemade, co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades entre os rapaces e rapazas da vila, con idades comprendidas entre os 12 e 16 anos, o Concello de As Pontes destina un orzamento de 26.031,72 euros á nova edición do programa “Adolescentes”.

Durante todo o curso 2018-2019, 12 alumnos e alumnas recibirán clases de reforzo escolar nas materias de matemáticas, inglés ou lingua galega así como atención pedagóxica e psicolóxica orientada a minimizar o impacto negativo que os problema sociais ou os conflitos familiares poidan ter no seu rendemento académico.

Un equipo conformado por tres profesionais da educación e a pedagoxía son os encargados de promover, entre os beneficiarios deste programa, hábitos de estudo e de vida saudable, fomentar a autonomía persoal e valores positivos en áreas transversais como a saúde, o lecer e o tempo libre, a igualdade de xénero ou a interculturalidade.

Esta iniciativa tamén contempla a realización de obradoiros, durante os  períodos de vacacións,  de fomento do autocoidado, prevención do consumo de sustancias tóxicas ou xestión das emocións así como actividades dirixidas a promover a capacidade de análise e responsabilidade dos rapaces e rapazas para xerar pautas de comportamento que eviten os riscos de exclusión social, ofrecéndolles oportunidades de futuro ás que, noutras circunstancias, non terían acceso.

A concelleira de Benestar Social subliña que “as actividades propostas están tamén, neste caso, dirixidas a procurar que as familias  comprendan a importancia da educación e a formación polo que o programa tamén inclúen visitas ós domicilios do beneficiarios para traballar o espazo de estudo na casa e involucrar, activamente, ás familias na dinámica escolar. Os pais son unha das pezas fundamentais destes programas e precisamos da súa implicación e participación para acadar mellores resultados”

Por outra banda, Isabel Fornos tamén remarca que ambos programas “veñen a amosar, unha vez máis, o compromiso do goberno local coa integración e coas políticas sociais como instrumento de mellora da calidade de vida dos ponteses e como ferramenta para a creación de novas oportunidades para todos os veciños, en igualdade de condicións”