As Pontes, 6 de maio| O Concello de As Pontes vai seguir cos traballos de mellora de accesibilidade, pavimentación e acondicionamento da praza de A Madalena.

Logo de aprobarse en xunta de goberno procederase a realizar as obras necesarias para levar a cabo a reurbanización e acondicionamento da accesibilidade en todo o ámbito da praza da Magdalena, mediante a execución de novas zonas verdes, instalación dunha fonte transitable (constituída por nove surtidores con bombas en cada surtidor), nova área de xogos infantís, mellora do alumeado, rede de drenaxe de pluviais e instalación de mobiliario con mesas e bancos de distintas lonxitudes.

Para as zonas verdes executarase unha rede de rego independente da rede de auga potable, con seis circuítos de entre cinco e nove difusores.

Contarase tamén cunha estación meteorolóxica que controlará a totalidade dos circuítos, o funcionamento dos cales o regulan as electroválvulas.

Contémplase así mesmo, a execución dunha rede de electricidade conectada á rede existente, en orde a prestar subministro de electricidade tanto á rede de rega coma á fonte transitable.

Esta actuación, que está financiada pola Deputación coruñesa a través do Plan de Obras e Servizos 2018, contará cunha dotación de 234.724´56 euros.

Na mesma sesión de xunta de goberno local na que se deu luz verde a estas obras, tamén se aprobaba unha nova campaña de As Pontes en Pezas, un programa de dinamización sociocomunitaria e participación cidadá a través da arte pública, con 101.506 euros, e outra dotación de 57.651 euros para o programa Pontes de Emprego II, do Plan Integrado de Emprego.

Pasado mañá teremos a que será xa a última sesión plenaria da actual corporación, a pouco máis dun día de abrirse o proceso que determinará a elección dun novo foro plenario municipal.

E para pechar lexislatura teremos un pleno ordinario con marcado cariz económico aprobando unha serie de trámites de xestión.

Ademais de dar conta dos decretos de marzo e abril, aprobarase inicialmente a liquidación do orzamento municipal do ano 2018. E aprobaranse duas bonificacións do ICIO, correspondentes ás entidades Adiante e A Choupana.

Asemade, someterase a votacón igualmente unha aprobación inicial decreto extraordinario, antes de pasar ós puntos de cada pleno ordinario que pasan polos rogos e preguntas e mocións que presenten os diferentes grupos.

O mércores ás once da mañá comezará este último pleno da lexislatura 2015 – 2019, que será tamén o pleno de moitas despedidas, cando menos sete baixas confirmadas para despois do 26, en que estamos chamados e chamadas de novo ás urnas.