As Pontes, 19 de outubro de 2018. O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a tenente de alcalde, Montserrat García, mantiveron, onte, na asociación veciñal da Choupana, unha reunión cos veciños da Rúa Pardo Bazán e Antonio Machado para consensuar o proxecto de reforma integral da zona, unha actuación que o goberno local pretende incluír no Plan de Obras e Servizos 2019, da Deputación da Coruña.

Durante a xuntanza, que contou coa presenza de numerosos veciños, abordáronse, entre outros asuntos, a importancia de manter un novo encontro para presentar un borrador do proxecto, que inclúa as apartacións feitas durante esta primeira reunión cos veciños e, posteriormente, iniciar un proceso de consulta para engadir as modificacións que sexan precisas antes da redacción final do proxecto.

Neste sentido, Valentín González Formoso resaltou que “é un proxecto moi ambicioso, que suporá a reforma integral, non só da Rúa Pardo Bazán, senón de toda a zona, coa que o Concello de As Pontes quere devolverlle o protagonismo que, durante moitos anos, tivo na vila, e revitalizala cunha actuación que suporá unha ampla mellora estrutural e estética, na que o consenso veciñal será esencial”.

O alcalde e a tenente de alcalde de As Pontes adiantaron que esta actuación, encamiñada a mellorar a accesibilidade e ampliar a dotación de servizos da zona, suporá unha importante inversión económica polo que “temos previsto acometer a reforma da Rúa Pardo Bazán en tres fases, comezado polo tramo que vai desde o cruce coa Rúa Menéndez Pelayo ata o cruce coa Rúa Calderón de la Barca, para despois avanzar cara a Rúa Antonio Machado e rematar a obra coa reforma do tramo que a conecta coa Rúa María Pita e a súa conexión coa Rúa Rego do Muíño” adiantou o rexedor local.

Os membros do goberno tamén avanzaron que a reforma desta rúa suporá un pequeno cambio na circulación. Manterase a dobre dirección en toda a rúa agás no tramo comprendido entre os cruces coas rúas Pablo Picasso e Antonio Machado no que se establecerá unha única dirección co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico; proposta apoiada polo conxunto de veciños asistentes ó encontro.

No transcurso da reunión, González Formoso anunciou que o Concello ten previsto incorporar a reforma da Rúa Menéndez Pelayo, desde o cruce coa Rúa Constitución, no Pos+2019 polo que “manteremos un encontro cos veciños da zona afectada, co obxectivo de barallar as súas propostas e elaborar, deste xeito, un proxecto consensuado, que se axuste as súas necesidades, tal e como se fixo noutras rúas da vila, como no caso da Rúa Chamoselo ou da Avenida de Lugo”

González Formoso tamén quixo lembrar que “ambos proxectos permitirán continuar coa política do Concello de As Pontes para garantir a calidade de vida dos seus veciños, apostando pola humanización e a mellora da accesibilidade dos espazos urbanos, mantendo a liña funcional e estética deseñada para o conxunto do casco urbano”.