O Concello de As Pontes presentaba este mediodía a Copa Galicia de fútbol sala

187

As Pontes, 2 de maio|O Concello de As Pontes presentaba este mediodía a XXVIII Copa Galicia de fútbol sala, que convertirá ao municipio pontés na capital do fútbol sala galego os vindeiros 6 e 7 de maio.

O consistorio local acolleu a presentación oficial do evento nunha rolda de prensa á que asistiron o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás, o Vicepresidente do clube local O Esteo, e o Vicepresidente da Federación, Pablo Prieto.

As semifinais enfrontarán, o luns, 6 de maio, ao Pescados Rubén Burela contra o Santiago Futsal, os dous equipos que competiron este ano en segunda, co resultado final do ascenso a primeira. Este choque comezará ás 18:30h.

De seguido porase en liza o outro billete para a final, a dirimir nunha segunda semifinal entre O Parrulo Ferrol e o Noia Portus Apostoli, que comezará ás 20:30h.
A gran final, cos dous clubes clasificados, xogarase o martes día 7 de maio ás 19:00h, sempre no pavillón municipal de A Fraga. Coñeceremos así quen releva aos de Burela, ou se repiten estes, nun título acadado o ano pasado en Ferrol.

Dende o Concello pontés e O Esteo agredeceuse a confianza depositada, para volver organizar unha Copa Galicia, non en van será a segunda vez, e a Federación recoñeceu a implicación que supuxo organizar nun tempo récord un evento desta magnitude.

Paralelamente á Copa de equipos senior aboluto, o sábado seguinte, día 11 de maio, celebrarase a MiniCopa, cos mesmos contendentes en categoría infantil.

As entradas vanse poñer á venda este sábado co partido que O Esteo disputa como local en segunda B, e terán un prezo de 12 euros nas semifinais e 10 euros na final. O abono para os dous días custa 15 euros.

As entradas junior (de 5 a 14 anos) terán un prezo de 5 euros por xornada e 8 euros se se merca o abono.