As Pontes, 7 de maio de 2018. O Concello de As Pontes, a través da Concellería de Deportes e Mocidade, organiza un curso de iniciación á hípica en colaboración co centro hípico deportivo de Aparral.

O obxectivo desta actividade, en palabras de Jesús Tembrás, responsable da área, “é promover a práctica deportiva e a actividade física entre os rapaces e as rapazas de As Pontes, amosarlles todos os beneficios que os animais teñen no desenvolvemento da autoestima, da seguridade e confianza nun mesmo, e promocionar, entre a poboación máis nova, valores relacionados coa responsabilidade, o respecto, a empatía e a socialización, indispensables en todos os eidos da vida”.

A actividade está dirixida ós estudantes dos centros educativos do Concello de As Pontes, con idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. As clases impartiranse durante primeira quincena de maio e de xuño, os mércores e os venres, desde as 16:00 horas ata as 19:00 horas, tendo cada clase unha duración de 45 minutos.

O curso de iniciación á hípica é gratuíto pero é preciso inscribirse na actividade ben chamando ó 619 342 246 ou enviando un correo electrónico a [email protected], indicando o nome, apelidos e o centro educativo no que cursan os estudos. O prazo para inscribirse remata o xoves, 10 de maio.

Desde o Concello remarcan que hai 40 prazas dispoñibles, 20 para os alumnos de primaria e outras 20 para os alumnos de secundaria, e que no caso de que exista unha demanda moi elevada, realizarase un sorteo público das prazas entre todos os inscritos. O sorteo efectuarase o venres, 11 de maio, ás 12:00 horas no polideportivo municipal e será proporcional ós cinco centros educativos, de xeito que todos dispoñan dun número de prazas acorde co número de alumnos matriculados.