As Pontes, 21 de abril de 2018.  O Concello de As Pontes investirá preto de dous millóns de  euros nas parroquias do municipio co obxectivo de mellorar as infraestruturas e servizos públicos no ámbito rural.

O goberno local deseñou un plan de traballo para revitalizar as parroquias do rural que contempla unha serie de actuacións, con cargo o Plan Único de concellos “POS+2017 da Deputación da Coruña e fondos propios, destinadas a mellorar a seguridade viaria nas estradas do rural e que permitirán a reposición e mantemento do pavimento dos viarios, a incorporación de novos servizos de saneamento e alumeado así como a rehabilitación, acondicionamento e dotación de novo equipamento nas parroquias.

Desde o Concello, a tenente de alcalde, Montserrat García, fai fincapé en que “estes investimentos permítennos mellorar a calidade de vida no rural, revitalizar as parroquias e  promover o asentamento poblacional e, xunto coas actuacións postas en marcha no casco urbano, fan do noso municipio unha vila máis accesible ao tempo que promovemos a creación de emprego”.

Mellora da seguridade viaria e da rede de abastecemento

O Concello de As Pontes acometeu a reforma da rede viaria de distintas parroquias do municipio, priorizando aquelas vías e camiños que foron solicitando os veciños e as asociacións veciñais. Deste xeito, levouse a cabo a pavimentación de vías municipais en San Xoán do Freixo e a reparación da capa de rodadura en viarios de Somede, Os Regalados, Teixedelos e O Carballar entre outros, cun investimento que superou os 315.000 euros.

As obras de reparación do firme en Caxete e Terbá xa comezaron e nos vindeiros meses acometerase a renovación nos viarios de Murazoso, A Redonda, Pedrafita, Pazo e Os Cadabas, entre outros, e procederase á renovación do asfaltado, reposición do pavimento e aglomerado en máis de vinte viais de todas as parroquias pontesas, obras ás que o Concello destinará preto de 745.000 euros.

A mellora dos servizos e a seguridade viaria na marxe esquerda da AC-564 en Goente (272.670,92 euros) así como a limpeza xeral de cunetas (126.873,80 euros) son outras das actuacións contempladas no plan de mellora integral do Concello de As Pontes.

Montserrat García subliña que: “A mellora dos viais do rural seguirá a ser unha prioridade para este Goberno; con estas actuacións damos resposta ás demandas feitas pola veciñanza das parroquias do Concello, construíndo entre todos o pobo que queremos”

Equipamento

O plan do goberno local para revitalizar o rural pontés tamén inclúe a rehabilitación, acondicionamento e dotación de novo equipamento nas parroquias. A transformación da antiga escola unitaria do Paraño en local social, a instalación dun módulo prefabricado en Pontoibo así como actuacións encamiñadas a mellorar a eficiencia enerxética nos locais das Asociacións de Veciños de Marraxón, Saa e Goente son algunhas das actuacións previstas polo Concello de As Pontes e as que dedicará preto de medio millón de euros.

En palabras da tenente de alcalde, Monstserrat García: “O plan deseñado polo Concello de As Pontes para revitalizar o rural é un proxecto ambicioso que permite continuar coa folla de ruta trazada polo goberno municipal para mellorar e garantir a calidade de vida dos veciños, apostando pola humanización, a seguridade, a accesibilidade facendo de As Pontes un pobo máis habitable, máis cohesionado, no que non hai diferenzas entre o ámbito rural e o urbano, equiparando os servizos e equipamentos”.