As Pontes, 17 setembro de 2018.  O Concello de As Pontes botou a andar, a semana pasada, o proceso de licitación da segunda fase das obras de mellora de pavimentos e servizos na Avenida de Galicia, no tramo que vai desde o remate da primeira fase ata a intersección coas rúas Santiago Apostol e Vilar Pontes.

Esta actuación, cun orzamento de licitación de 180.372,92€ e financiado, integramente, pola Deputación de A Coruña a través do POS (Plan de Obras e Servizos) permitirá darlle continuidade ó proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesiblidade levado a cabo, polo Concello de As Pontes, na zona, a través da renovación da Praza do Hospital e as obras da primeira fase da Avenida de Galicia.

Os traballos, que se realizarán nunha das vías máis transitadas do pobo, están encamiñadas a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso, ampliar as beirarrúas para, en palabras da tenente de alcalde, Montserrat García, “gañar en seguridade e comodidade, creando unha rúa na que os peóns gañan relevancia, seguindo a liña estrutural e estética da zona.  Trátase dun proxecto que permite continuar coa política do Concello de As Pontes para garantir a calidade de vida dos seus veciños, apostando pola humanización e a mellora da accesibilidade dos espazos urbanos”.

A segunda fase da Avenida de Galicia inclúe, ademais, a mellora do alumeado público coa substitución e nova disposición das luminarias e coa instalación de captafaros led nos pasos peonís. Tamén se procederá á separación da rede de drenaxe da rede de saneamento e á colocación de novos sumidoiros.

As obras rematarán coa instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e procederase á renovación dos alcorques por outros, de idénticas características, formados por lastra e pavimento continuo de caucho.