As Pontes, 26 novembro de 2018. A concelleira de Participación Cidadá e Desenvolvemento Local, Montserrat García, e o concelleiro de Deporte e Xuventude, Jesús Tembrás fixeron entrega, a semana pasada, de material de limpeza ó grupo xuvenil ecoloxista Brigadas Verde.

A través desta colaboración o Concello de As Pontes quere amosar o seu respaldo a esta iniciativa de voluntariado co obxectivo de que os seus integrantes poidan continuar desenvolvendo o seu labor de retirada de lixo nos espazos públicos do municipio con todas as garantías e cos medios axeitados.

Durante o acto de entrega, Montserrat García quixo agradecerlles o traballo que levan a cabo en prol dun municipio máis limpo e animounos a seguir adiante cunha iniciativa, que está sentado un precedente na comarca e ofreceulles a axuda e colaboración do goberno local.

Pola súa banda, o edil de Xuventude, quixo remarcar o orgullo que sinte o Concello de As Pontes pola súa mocidade e o seu compromiso co pobo. Tembrás aproveitou a ocasión para animar a máis rapaces e rapazas a sumarse a este colectivo, e participar de xeito activo e en primeira persoa no coidado da contorna e do medio ambiente.

O material entregado consistiu en roupa de traballo, chalecos reflectores, botas, luvas anticortes, bolsas de lixo, pinzas recolledoras de lixo, un detector de metais e adhesivos para identificar as bolsas de lixo recollidas.