As Pontes, 26 de xullo de 2018. O pleno do Concello de As Pontes aprobou, só cos votos a favor do grupo de goberno, á aprobación inicial da modificación puntual das normas subsidiarias da Canle IV que permitirá a construción de 100 vivendas en réxime de cooperativa, ante a presenza masiva dos cooperativistas, nunha sesión na que se dirimía o futuro do proxecto.

O obxectivo desta modificación é axeitar a norma urbanística do ano 1985, momento no que os terreos estaban ocupados pola antiga explotación mineira, á realidade e ás necesidades do municipio, nunha zona, actualmente, integrada na malla urbana da vila e en pleno proceso de expansión.

Desde o goberno local, subliñan a importancia desta modificación puntual, que contou co voto en contra de Xuntos por As Pontes e a abstención do BNG, xa que “con esta aprobación inicial dáse o primeiro paso para desbloquear a cooperativa de Canle IV,  un proxecto que permitirá o desenvolvemento urbanístico do concello e que conectará o casco urbano co Lago, o novo polo de atracción do municipio”.

O grupo de goberno, que entende e defende o interese público e xeral do proxecto, durante o  transcurso da sesión plenaria, argumentou a necesidade de desbloquear un proxecto que contribuirá ó asentamento da poboación no municipio e ofreceralle a un centenar de familias pontesas a posibilidade de construír as súas propias vivendas.

Tamén puxo de manifesto ós beneficios que este proxecto reportará ao concello xa que lle permitirá obter vivendas de protección oficial, novos equipamentos, zonas verdes, sendas peonís e un novo tramo de carril bici. Ademais, as arcas municipais obterán un 10% do aproveitamento neto da vivendas, feitos que repercutirán de xeito positivo no conxunto de toda a veciñanza.

Outros temas

Durante o transcurso do pleno tamén foron aprobadas dúas modificacións de crédito, de 1.071.868 euros e 458.131 euros, respectivamente, que irán destinadas, entre outras cuestións, á adquisición dunha rotopala, á compra de libros para a biblioteca municipal e de instrumentos para o conservatorio de música profesional de As Pontes así como á compra de mobiliario para os departamentos de Cultura e Benestar Social.

Varías partidas orzamentarias irán destinadas ás melloras e mantemento de camiños veciñais, ó mantemento de edificios públicos, á conservación e mantemento na rede de saneamento ou ó proxecto e estudo económico do xeriátrico.

Tamén foi aprobado un crédito de suplemento de 614.260 euros para levar a cabo diferentes obras, tanto no casco urbano como na contorna rural,  entre as que destacan o saneamento en Espiñaredo, a conservación das estradas de Chao de Paces, A Rega, O Esteo e dos viarios en Vilarbó, Lamelas, Paipaz, Gondré, Goente ou Porto dos Frades.

Estes investimentos tamén contemplan a mellora da rede de augas pluviais na Avenida de Ferrol, a pavimentación dos paseos laterais do Parque Municipal ou rehabilitación da cuberta do polideportivo municipal.