As Pontes, 13 de marzo 2019. O goberno local de As Pontes, durante a sesión plenaria ordinaria celebrada hoxe, decidiu, cos votos a favor do PSOE e o PP e os votos en contra do BNG e Xuntos por As Pontes, seguir adiante co proxecto de creación dun paseo fluvial na marxe esquerda do río Eume, no tramo comprendido entre a ponte de Isabel II e a ponte dos Chaos.

Este proxecto, que conta cun investimento de 159.000 euros e que sufragará, integramente, a Deputación da Coruña, ten como obxectivo esencial recuperar un dos espazos de maior interese natural e máis importante do municipio, poñendo en valor a beira do río Eume, promovendo o patrimonio ambiental e natural do municipio, creando unha senda accesible para todos os veciños.

A tenente de alcalde, Montserrat García, durante o transcurso do pleno, fixo fincapé en que se trata de “un proxecto co que se intenta dar resposta a unha demanda de todos os veciños e veciñas de As Pontes, consensuado e consultado con expertos en sendeirismo, para impulsar un acceso universal e crear unha senda completamente transitable, coas condicións axeitadas para o paso de carriños de bebés e cadeiras de rodas, evitando a súa degradación, especialmente durante o inverno”.

Por outra banda, García recalcou que con esta actuación o goberno local continua co seu proxecto de creación dunha rede de paseos accesibles, que conectarán a zona urbana do municipio, desde o parque da Fraga ata o lago, dous dos puntos con maior interese ambiental do pobo xunto ao río Eume, respectando a contorna, con mínimo impacto ambiental, visual e estético.

A actuación contempla a reutilización da senda existente e a instalación de pavimentos de jarbe, un material empregado en moitas sendas peonís e zonas protexidas, con nulo impacto ambiental e compatible coa conservación das especies vexetais, para mellorar a mobilidade na zona e o tránsito dos peóns, así como o ancheado da senda naquelas áreas nas que sexa necesario.

Este proxecto tamén permitirá a construción de tres áreas de descanso ao longo do novo tramo, a instalación de varandas de seguridade e dun sistema de iluminación pública, deseñado para minimizar o impacto ambiental, que potenciará a seguridade da zona e impulsará a súa accesibilidade.

García tamén sinalou que todos aqueles veciños e veciñas que desexen coñecer o proxecto con maior detalle poden poñerse en contacto co Concello para solicitar o acceso ao devandito documento. Ademais avanzou, que o goberno local ten previsto convocar a toda a  veciñanza a unha reunión informativa, á que asistirán os técnicos responsables do proxecto, na que poderán coñecer, de forma máis detallada, todas as características do mesmo.

Pago a provedores

Así mesmo, o pleno pontés, cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención e votos en contra dos representantes do grupo mixto, aprobou tres recoñecementos extra xudiciais de crédito por valor de 194.163 para pagar facturas de diversos provedores, que foron presentadas fóra do exercicio contable do ano anterior, e deste xeito regularizar a situación e facer fronte aos pagos.