• O pleno tamén esixe unha atención sanitaria digna
  • Acordouse a aprobación inicial do convenio de colaboración coa UDC

As Pontes, 9 de xaneiro de 2018. Todos os grupos políticos que compoñen a corporación municipal do Concello de As Pontes asinaron, está mañá, durante a celebración da sesión plenaria ordinaria, unha declaración institucional na que amosaron o seu apoio e respaldo ás reivindicacións dos empregados de Endesa.

O Concello de As Pontes amosou a súa preocupación pola rotura das negociacións do V Convenio Marco do Grupo Endesa e a proposta empresarial sobre a posible perda dos beneficios sociais e o seu impacto económico negativo.

O pleno municipal, deste xeito, insta ó Ministerio e á empresa a que reciban a una delegación do colectivo de traballadores e a unha representación de persoal xubilado e pasivos para “dialogar, como sempre se fixo nos momentos críticos, para conseguir o equilibrio entre a defensa da permanencia e o futuro da empresa e as contraprestacións ó noso concello”.

Por outra banda, todos os membros da corporación municipal, a excepción do Partido Popular, asinaron unha declaración institucional para reclamar melloras no centro de saúde de As Pontes e mostrar o seu apoio ós traballadores do PAC dado o deterioro que veñen sufrindo debido a ausencia de facultativos e a non cobertura das baixas do persoal médico.

Os grupos políticos esixen ó Sergas e á Consellería de Sanidade “a cobertura total das vacantes, a creación das prazas de pediatría e xinecoloxía así como a dotación dun servizo de raios xis para garantir unha atención sanitaria óptima os doentes de atención primaria e do PAC de As Pontes”.

CONVENIO MARCO UDC

Noutro orde de temas, durante a sesión plenaria acordouse, por unanimidade, a aprobación do convenio marco de colaboración académica, científica e cultural entre a Universidade da Coruña e o Concello de As Pontes coa finalidade de propiciar o acceso da veciñanza á formación académica regrada e non regrada impartida pola Universidade así como a promover actividades de investigación, divulgación e transferencia científica e de extensión universitaria nos ámbitos culturais e deportivos.