RTVEume| Mañá sábado cúmprese o prazo de cinco días concedido polo Concello de As Pontes para optar ao proceso de selección de dous socorristas.

O período da contratación será de tres meses e a retribución mensual ascenderá aos 900 euros incluíndo a prorrata de pagas extraordinarias. Conta o Concello das Pontes coa colaboración económica da Deputación Provincial da Coruña para a realización destas contratacións.

O sistema de provisión será por concurso-oposición. Haberá unha fase práctica eliminatoria na que os aspirantes deberán superar nun tempo máximo de 8 minutos, 300 metros en nado libre; 50 metros de nado libre con material auxiliar, e outros 50 metros con remolque de compañeiro, dispoñendo para esta última proba dun máximo de 3 minutos e 30 segundos.

Na fase de concurso valoraranse os servizos prestados como socorrista con 0’2 puntos ao mes ata un máximo de 4 puntos. Posuír o título de monitor nacional de natación valorarase con 2 puntos. Contar con cursos oficiais de protección civil, socorrismo e natación valoraranse ata 1 punto dependendo da súa duración. E xa por último, os aspirantes que presenten cursos de buceo e submarinismo impartidos tamén por entidades oficiais obterán outro punto máis, no caso de que o curso sexa de máis de 50 horas lectivas, e 0,2 puntos se a actividade formativa é de menos de 20 horas lectivas.

Xa por último, aqueles aspirantes que non teñan acreditado a superación do Celga 3 ou equivalente, terán que superar unha proba de traducción directa ou inversa dun texto ao galego. A proba terá unha duración máxima de 15 minutos.

As solicitudes téñense que entregar no Rexistro do Concello, sendo mañá sábado o último día de prazo para realizar este trámite. O horario de atención ao público será de 10 da mañá a 12:30.

Lembren tamén que para participar desta convocatoria pública de emprego os aspirantes deben cumprir os seguintes requisitos:

-Ser de nacionalidade española ou dun estado membro da Unión Europea.

-Ter cumpridos os 16 anos de idade.

-Posuír a titulación pola que se fixa formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

-Non padercer enfermidade ou eiva física que impida o normal exercicio da función.

-Non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente.

-E non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, Comunidade Autónoma ou Administración Local, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.