O Concello abre o prazo para solicitar as achegas do programa “As Pontes Emprende”

77

As Pontes, 2 de xullo de 2018. O Concello de As Pontes abriu hoxe o prazo para solicitar as achegas municipais do programa As Pontes Emprende á creación de empresas.

A cuarta edición deste programa ten como obxectivo prioritario fomentar a actividade económica, incentivar a creación de novos proxectos empresariais e dinamizar a pequena e media empresa e ós autónomos, ofrecéndolles un apoio para que poidan afrontar o reto de establecerse como traballadores por conta propia ou o da posta en marcha dun proxecto empresarial.

O goberno local destinará a estas axudas un orzamento de 40.000 euros que se sumarán ós 80.000 euros destinados nas tres edicións anteriores e que permitiron apoiar a 48 novos emprendedores, o 99,9% dos cales continúa coa súa actividade, e xerar 57 postos de traballo.

O programa As Pontes Emprende contempla dúas liñas de actuación, ambas cun importe máximo de 2.000 euros. A liña Impúlsate está destinada a sufragar os gastos de alugueiro mentres que a través da liña Instálate cubriranse os gastos de inmobilizado material e inversión na adecuación de locais para a posta en marcha da actividade.

Estas axudas están destinadas as persoa físicas ou xurídicas, cun novo proxecto empresarial, que iniciasen a súa actividade a partir do 1 de outubro do ano 2017.

Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.com/es/index.html, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo para solicitar as achegas remata o 30 de setembro de 2018.

As bases para solicitar estas axudas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia 121 con data 27 de xuño de 2018, na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes http://concello.aspontes.org/