Home Destacadas O CIM de As Pontes atendeu a 175 mulleres no ano 2018

O CIM de As Pontes atendeu a 175 mulleres no ano 2018

0
O CIM de As Pontes atendeu a  175 mulleres no ano 2018
  • O número de consultas superou a cifra de 940
  • O servizo traballa na promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero

As Pontes, 5 de febreiro de 2019. O Centro de Información á Muller do Concello de As Pontes atendeu, durante o ano 2018, a 175 mulleres que se achegaron ata as instalacións da Casa Dopeso na procura de asesoramento xurídico ou psicolóxico.

En total foron 949 as consultas realizadas, 125 corresponderon á área xurídica e 824 á área psicolóxica e dirección do CIM. No caso da área xurídica, a maior parte das consultas estiveron vencelladas co dereito civil (herdanzas e sucesións, vivenda, alugueiro, incapacitacións, modificacións da capacidade…) e o dereito de familia (réxime económico matrimonial, parellas de feito, incumprimento de setenzas de divorcio, etc.)

As consultas relacionadas cos permisos de residencia, a calificación da discapacidade, a protección da maternidade, as condicións laborais ou o desemprego tamén ocuparon un lugar destacado xunto coas consultas relacionadas coa violencia de xénero e a prestación de xustiza de balde.

Polo que respecta á área psicolóxica, a atención prestada centrouse en terapias e seguimento psicolóxico, tanto individuais como en grupo, terapias coa parella asi como na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O traballo desta área estivo encamiñado a realizar un diagnóstico da situación persoal das usuarias e facer un seguimento personalizado para, desde diferentes ámbitos, ofrecer solucións ós problemas polos que acudiron ó CIM, ofrecéndolles unha intervención integral.

Asemade o CIM tamén prestou servizos de orientación para o emprego, facilitou información de recursos sobre axudas periódicas para mulleres que sofren violencia de xénero e funcionou como punto de apoio, información e asesoramento na loita pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, das súas familias e persoas achegadas no municipio de As Pontes.

O servizo, no que actualmente traballan unha psicóloga e unha avogada, ten como obxectivo prioritario a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e así, xunto coa atención directa, desde o CIM puxéronse en marcha diferentes actividades informativas e formativas de cara á sensibilización da veciñanza no principio de igualdade e a prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos.

Charlas coloquios dirixidas ó alumnado dos obradoiros de emprego municipais e ós usuarios e usuarias da asociación de discapacitados activos, A Xanela, conferencias sobre a violencia sexual, contacontos e obradoiros de manualidades para menores, equinoterapia, obradoiros de memoria e lectura para mulleres, campamentos urbanos de conciliación durante os períodos de vacacións, exposicións ou colaboracións en programas de radio e eventos deportivos solidarios foron algunhas das máis de 20 actividades promovidas e apoiadas polo CIM xunto coa posta en marcha da campaña “ En negro contra as violencias” e a “Semana das mulleres nas escolas”.

X