RTVEume| O Centro de saúde de As Pontes ven de recuperar a súa dotación de facultativos que nos últimos días se vira menguada por mor do proceso de traslados da Consellería.

Ata tres médicos que exercían no centro de saúde cambiaron de destino, e as súas vacantes non foron cubertas de inmediato.

Isto provocou, nas últimas xornadas, unha merma no servizo, que supón que teña habido retrasos importantes nas citas, grandes esperas pola atención, e pacientes derivados a médicos que non eran os seus.

Dende a Concellería de Servizos Sociais, que preside José Alén, reclamouse unha inmediata reposición dos médicos trasladados. A resposta da Xerencia da Área sanitaria de Ferrol foi a intención de facelo, se ben apelaban a que están en prazo ó contar cun mes para que os traslados sexan efectivos.

Dende o Concello insístese en que os traslados eran previsibles e se debería ter actuado con vistas a iso. Insistíuse unha vez máis en que se atenda á dotación en medios e persoal do noso centro médico. Mesmo, ademais de repoñer os galenos que causan baixa, recuperar os servizos que seguen pendentes, como o de xenecoloxía ou pediatría.

Dende o Concello, malia a reposición, enténdese que segue sen completarse a oferta de servizos que lle pertence ó centro de saúde do municipio, e non se descarta ningún tipo de medida para a esixencia dunha sanidade pública de calidade na vila.