As Pontes, 15 de novembro| O proxecto de Turismo Industrial promovido polo Concello a través do Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC), recibiu un nova visita dun centro de formación profesional. Nesta ocasión o Centro Integrado de Formación Profesional Someso, localizado na cidade da Coruña. Este centro formativo é un dos máis importantes e antigos de Galicia. Foi inaugurado no ano 1960 e conta na actualidade con máis de 1.100 alumnos, repartidos en 6 familias profesionais.

Dos 38 alumnos e 3 profesores do Ciclo Medio de Soldadura e o Ciclo Superior de Edificación e Obra Civil, que participaron na visita, só 3 tiñan visitado As Pontes con anterioridade, para o resto era a súa primeira, e servíulles para mergullarse no pasado, no presente industrial da nosa vila.

A primeira parada do traxecto foi no Centro de Dinamización Empresarial Seara sito no Polígono de Penapurreira, onde estaba esperándoos Daniel Filgueiras, xerente da empresa Prometal, que realizou unha presentación técnica dos traballos de soldadura, calderería e estruturas metálicas que realiza a súa empresa. Os visitantes tamén tiveron ocasión de consultar sobre as saídas laborais dos seus estudos, a situación real do sector na actualidade, e as boas oportunidades que se abren nos próximos anos para os seus oficios.

Posteriormente, desprazáronse ao Polígono dos Airíos, para coñecer in situ as instalacións da metalúrxica Prometal, onde se realizan traballos para sectores como: o naval, enerxético, téxtil ou a construción.

Unha vez rematada a visita a empresa Prometal, o grupo foi recibido por Ana Pena, concelleira de Emprego e Turismo do Concello, dándolles a benvida, explicándolles o proxecto de turismo industrial e cultural baseado no patrimonio industrial das Pontes e invitándoos a voltar proximamente.

O percorrido continuou polos principais recursos de patrimonio histórico-industrial, como o Poboado das Veigas e o famoso lago mineiro.

O CEIP Someso está moi interesado en participar neste tipo de visitas, polo reforzo positivo que supón para o alumnado, e o aporte teórico-práctico deste tipo de saídas formativas. E tal é así, que xa deixaron programada unha nova visita para este xoves 17 de novembro. Nesta ocasión co alumnado dos Ciclos Formativos de Mecanizado, coñecerán o Grupo Acebrón e o patrimonio industrial pontés.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

Prometal www.prometal.es