Táboas destaca que a tecnoloxía implementada pola empresa pontesa incide nunha maior seguridade ferroviaria, unha das prioridades de RENFE

As Pontes, 28 outubro de 2019. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polo secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, e o presidente de RENFE, Isaías Táboas, visitou está mañá a sede de Arteixo Telecom para coñecer, de primeira man, unha instalación punteira, prestadora de servizos tecnolóxicos, para a principal operadora ferroviaria de España.

A empresa, situada no polígono de Penapureira, implementada no municipio a través do Ministerio de Industria, é responsable da fabricación dos sistemas de comunicacións tren-terra dos ferrocarrís españois,  que permite a comunicación en tempo real de cada tren co centro de mando correspondente. Un sistema instalado en máis de 9.000 km de rede ferroviaria en España con máis de 2.500 postos fixos, 3.800 unidades móbiles e 23 postos centrais. 

Ao termo da visita, o rexedor local, valorouna como moi positiva e sinalou a importancia da mesma destacando o feito de facer coincidir a visita do presidente de RENFE coa visita do secretario de Industria. 

Nese sentido, González Formoso subliño que “as dúas figuras que hoxe conflúen en Arteixo Telecom pódennos permitir valorar o traballo que realizan os traballadores e traballadoras desta empresa e tamén o impulso futuro que lle poden dar traballos vinculados a ADIF, a RENFE ou mesmo ao AVE, tendo en conta que esta empresa é un dos principais provedores dos sistemas de comunicación tren terra”.

Pola súa banda, Raúl Blanco, secretario xeral Industria, agradeceu a invitación do Concello das  Pontes para coñecer a empresa e sinalou que puidera coñecer “unha empresa tecnoloxicamente moi avanzada, centrada en sistemas de comunicacións, no ámbito ferroviario pero tamén con conexións con outros sectores; unha mostra máis da variedade do futuro industrial das Pontes e a súa comarca”. 

Isaías Táboas, presidente de Renfe, subliñou o valor dunha visita que lle permitiu coñecer “in situ” o proceso de deseño, fabricación e mellora dun dos compoñentes esenciais para os ferrocarrís  españois e que permiten garantir a seguridade nos mesmos.

Así, destacou que “para Renfe a seguridade é unha das súas prioridades e por tanto esta visita permítenos ver que, non só dispoñemos duns sistemas de seguridade moi bos senón que se avanza para mellorar para ter uns sistemas tren máis seguros, máis  tecnolóxicos, máis fáciles de utilizar, máis versátiles e iso sempre é unha satisfacción”