As Pontes, 1 de decembro| O Centro Integrado de Formación Profesional SOMESO, localizado na cidade da Coruña, visitou por segunda vez no que vai de mes de novembro, o proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC).

Nesta ocasión os participantes foron 32 alumnos e 3 profesores do Ciclo Medio e o Ciclo Superior de Mecanizado, que tiveron a oportunidade de coñecer a empresa Acebrón Group e a historia da industrial local.

A visita a Acebrón Group estivo guiada por Javier Acebrón, xerente do grupo empresarial creado no ano 2000, e conformado por 4 empresas: Mecace, Talleres Acesán, Acemetal e Acecal. Con Mecace á cabeza, é un referente no sector metalúrxico en Galicia, de ahí o interese por parte do Centro de Formación Profesional SOMESO, de establecer relacións entre as dúas organizacións para coñecer a situación actual do sector do mecanizado industrial e mellorar as saídas profesionais do seu alumnado.

Ao finalizar a visita en Acemetal, o grupo tivo a oportunidade de coñecer a Bienvenido Acebrón, fundador do grupo industrial, que ademais de explicarlles que actualmente contan con clientes en diversos países como: Francia, Noruega, Suecia, Jamaica, Brasil ou Alemaña, proporcionando servizos a sectores tan distintos como o naval, enerxético ou automoción; tamén lles expuxo a importancia de contar cunha boa formación para poderse adaptar ao cambiante, e cada vez máis complexo, mercado de traballo.

A media mañá, o grupo foi recibido por Ana Pena, concelleira de Emprego e Turismo do Concello, e Antonio Castro, concelleiro de Servizos, Medio Rural e Seguridade Cidadá, que agradeceron a visita ao proxecto de turismo industrial das Pontes, facendo entrega aos representantes de SOMESO dunha réplica do vaso campaniforme da Vilavella e de diverso material de promoción turística e patrimonial das Pontes.

O percorrido continuou polos principais recursos de patrimonio histórico-industrial, con paradas nas instalacións do Lar no Poboado das Veigas e na praia do lago mineiro, que unha vez máis, sorprenderon a todos os visitantes, pola súa singularidade e fermosura.

O Complexo Educativo SOMESO é un dos poucos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) existentes en Galicia, o que implica que poden impartir formación profesional, regrada, continua e ocupacional. Conta con 56 anos de actividade e actualmente con máis de 1.100 alumnas e alumnos. Desde o centro están moi interesados en continuar con este tipo de saídas formativas, xa que potencia a súa labor como centro de formación laboral ao tempo que lles aporta unha visión máis ampla do tecido empresarial existente en Galicia.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

Acebrón Group www.acebrongroup.com