RTVEume / De hoxe nunha semana, na noite de San Xoan as fogueiras volverán iluminar As Pontes e o arume a sardiñas asadas e a churrasco chegará a todos os rincóns da Vila. Ata oito asociacións culturais e veciñais deron xa a coñecer os seus respectivos programas para a noite máis curta do ano, na que a música e o bo xantar son a característica común.

Nas Campeiras, a Asociación de Veciños ten aberto o prazo de inscrición para anotarse na Festa. Celebrase dende as nove e media da noite no campo da Rúa Cobelos. Serviranse sardiñas asadas, xamón cocido, patacas con pela, postre, viño, refrescos, café e queimada. A festa estenderase ata altas horas da noite e trala copiosa cea haberá un baile amenizado polo Duo Suso. As invitacións poderanse retirar ata este venres nos Bares Ortegal ou As Campeiras e tamén na tenda de electricidade Elicio Gómez e teñen un prezo de 5 euros para os socios e 10 euros para os non asociados.

Ás nove da noite reuniranse xa os veciños e veciñas do Chamoselo, no seu local social de Beira do Eume. A cea será gratuita para os socios e terá un custo de 20 euros para os non asociados, sendo necesario apuntarse nos bares Daniel, Calvo ou Trastoy ata o venres. Por suposto, unha vez que remate a cea, a carón da Ponte Romana, prenderase o foleón e celebrarase un baile.

E uns metros máis arriba, na Asociación de Veciños Vincallo do Cal da Avelaíña a festa comezará ás oito do serán. Os interesados en anotarse poderano facer a través dos seguintes teléfonos o 654 166 480, o 600 646 127 ou o 620 608 596, tendo de prazo para anotarse ata este xoves. O prezo por comensal é de 5 euros para os socios e 10 euros para os non asociados.

Tamén a asociación de veciños A Choupana ten en marcha os preparativos para a celebración do san Xoán. Serviranse sardiñas, churrasco, criollos, patacas e postre e a festa comezará ás nove da noite. Tamén está contratada a actuación do dúo Caramelo. O prezo será de 12 euros para os socios, 17 para os non asociados e 5 euros para os nenos, tendo de prazo ata o xoves para anotarse.

En Lembranza da Vila, como todos os anos, o lugar elixido para a celebración do San Xoán é trala Igrexa. Serviranse sardiñas con patacas, churrasco, chourizos e liscos, ademias de postre, viño e refrescos, café con gotas e queimada. A música correrá a cargo de Almudena e a retirada de tickets poderase facer ata o domingo día 21 no Bar Centro, ou senón ata o venrres no local da asociación. O prezo das invitacións será de 15 euros para os socios e de 20 para os non asociados.

E os máis madrugadores á hora de celebrar o San Xoán son os integrantes do colectivo veciñal 25 de Xullo, que xa este sábado terán a súa Festa do San Xoán, no local do polbo e dende as dúas e media da tarde. O menú que servirá o Mesón O Martínez constará de polbo e cordeiro, ademais de postre, café, viño, licores e barra libre. Hoxe cumpríase o prazo para anotarse tanto no Mesón Martínez como tamén a través do teléfono 686 546 813. Ademais haberá tamén unha actuación musical e o prezo é de 15 euros para os socios e 25 para os non asociados.

Os que tamén se reunirán esta fin de semana para celebrar o San Xoán son os veciños e veciñas do Aparral. O domingo ao mediodía xuntaranse no campo da festa para degustar unhas saborosas sardiñas, entre outros manxares.

Tamén hai asociacións que deixan pasar o día de San Xoán, ao ser xornada laborable, e prefiren reunirse en fin de semana. É o caso da Asociación de Veciños O Adro de Espiñaredo que ten programada a festa para o sábado 27 de Xuño no seu local social e dende as nove e media da noite. O menú constará de sardiñas con cachelos, churrasco, chourizos e liscos, pan, viño e auga, postre e café e barra libre. Haberá tamén música a cargo do dúo Suso e o prezo da celebración ascende a 15 euros para os socios e 20 para os non asociados. Para asistir, os interesados deberán comunicalo antes do xoves 25 de Xuño a través dos seguintes teléfonos 663 980 408 ou 663 980 409.