O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, será o presidente

O número de socios ampliarase coa participación de máis localidades afectadas pola transición enerxética

As Pontes, 7 de novembro de 2019. Os alcaldes dos municipios españois afectados polo peche das centrais térmicas acordaron, nunha reunión celebrada esta semana na localidade de Carboneras (Almería) a creación da Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Enerxética Xusta, ao abeiro da “Declaración de Carboneras”

Nesta declaración, asinada polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o alcalde de Los Barrios, Miguel Fermín Alconchel; o alcalde de Cubillos del Sil,  Antonio Cuellas; o alcalde de Cerceda, José García Liñares; o alcalde de La Robla, Santiago Dorado e Jose Luis Amérigo, alcalde de Carboneras, sublíñase a necesidade de poñer en marcha esta asociación ante a“aparente firmeza das decisións empresariais anunciando o peche de instalacións de enerxía en emprazamentos con persoas que cambiaron a súa tradicional forma de vida para que o sistema enerxético español contase coa maior estabilidade da historia; en emprazamentos con persoas que deron a súa vida para que o benestar de todo o país se situase entre os primeiros do mundo, en emprazamentos con persoas hoxe anciás, adultas, mozas e novas que saben o que é a xenerosidade, a disposición e o compromiso cos demais; en definitiva, en emprazamentos onde hoxe, as persoas, ven en perigo o seu benestar, onde o seu desenvolvemento é limitado e o seu futuro está lonxe dos seus”.

Os rexedores presentes neste encontro amosaron o seu respaldo unánime e a súa positiva disposición para a posta en marcha desta asociación que terá como obxectivo esencial a defensa dos dereitos dos cidadáns que viven nos emprazamentos afectados polas políticas de transición enerxética.

Esta entidade terá entre as súas finalidades a posta en marcha de accións dirixidas a solicitar e esixir aos organismo públicos, con competencias na materia, (Comisión Europea, Goberno do Estado e Comunidades Autónomas e Deputacións) o desenvolvemento dun cambio de modelo progresivo e consecuente.

Así como solicitar ás empresas enerxéticas, con instalacións nos emprazamentos afectados, a súa implicación directa a través da disposición, aprobación e achega de fondos directos e concretos para cada territorio.

Asemade, nace coa intención de participar na elaboración dos plans de desenvolvemento e inversión que se creen desde os diferentes organismos públicos e promover e realizar cantas actividades sexan precisas para a consecución dos seus fins, defendendo os intereses e os dereitos dos cidadáns dos emprazamentos afectados polas políticas de transición.

A Asociación Nacional de Municipios para unha Transición Enerxética Xusta, ten a pretensión de estar vinculada á Federación Española de Municipios e o seu número de socios ampliarase, entrando a formar parte da mesma outras localidades con instalacións enerxéticas afectadas pola transición enerxética así como municipios con centrais térmicas, nucleares ou de conxeneración que xa amosaron o seu interese para integrarse na entidade.

Esta asociación estará presidida por Valentín González, ostentando o cargo de vicepresidente o alcalde de Cubillos de Sil. O rexedor de Los Barrios (Cádiz) será o secretario-tesoureiro da asociación mentres que os alcaldes de Cerceda e Carboneras serán vogais e a súa sede estará ubicada no municipio de Cubillos del Sil (León)  

Por outra banda, durante este encontro, os rexedores acordaron as próximas tarefas, estratéxicas e a curto prazo, que se deben poñer en marcha para paliar os dous principais efectos que terán os posibles peches das centrais térmicas nos emprazamentos afectados: o dano económico e social en materia de emprego, seguridade e inversión e o prexuízo causado nas economías municipais.