As Ponte, 10 de outubro| A Concellería de Cultura abría a pasada fin de semana a que será a programación cultural de outono da que veciños e veciñas poderemos desfrutar intensamente, durante as vindeiras semanas.

Cine, teatro, música ou literatura protagonizarán os meses de outubro e novembro da man dun extenso listado de actividades de todos os tipos dirixidas a públicos de todas as idades.

Así, este mesmo venres teremos unha nova sesión de teatro profesional no alovi, neste caso coa compañía Eme 2 e Butacazero e a montaxe Voaxa e Carmín, dirixida por Xavier Castiñeira.

Mabel Rivera e Belén Constenla integran o reparto desta obra protagonizada polas coñecidas coma as dúas Marías da Alameda de Santiago de Compostela e que poderemos coñecer o venres, dende as 21.00 horas.

Tamén teremos teatro o día 20 co Tolleito de Inishmann, dirixida por Cándido Pazó, e con Evaristo Calvo, Ana Santos ou Luis Iglesia coma protagonistas. E para os escolares, o 17 de novembro visitarán As Pontes os integrantes de Redrum Teatro, coa Nena que quería navegar.

O programa Cinemas de Galicia tamén contará co seu espazo neste intenso outono cultural. De ahí que, pola Casa Dopeso, pasarán proxeccións coma El viaje de Unai, o vindeiro día 18; Elle o 3 de novembro; María e os Demais o día 10 de novembro, Eu, Daniel Blake o día 17 de novembro ou Mimosas o 24 tamén de novembro.

A todo isto haberá que sumar a estrea da curtametraxe O Tunel, ideada polos estudantes de Moncho Valcarce ao abeiro do Certame de Guións contra a Violencia de Xénero da Deputación da Coruña e que poderemos desfrutar o día 27 deste mesmo mes, na Casa Dopeso.

Por suposto a música tamén será un importante piar nestes dous meses cunha nova edición de Santa Icía, a mediados de novembro, ou do Festival de Outono de Música Coral, o vindeiro día 21.

Pola súa parte, en clave literaria, este mes de outubro teremos unha nova edición da xornada de portas abertas na biblioteca municipal o día 21 deste mes e un novo recital do grupo Alalá, para o día 9 de novembro.

E tamén regresarán as charlas saudables, neste caso o día 25, coa sesión adicada ás enfermidades pulmonares e xa o 15 de novembro cunha conferencia sobre a lumbalxia.

Por suposto, o prato forte destas semanas será a Feira de Fungos e Cogumelos coa súa edición número 28 e que, de seguro, logrará atraer a gran número de veciños e visitantes grazas ao amplo listado de actividades que, tanto o día 28 coma o 29 deste mesmo mes de outubro, se desenvolverán por toda a vila.

En resumo, dous meses para non aburrirse e onde As Pontes se converte no destino perfecto para a diversión e desfrute tanto de veciños coma daqueles que viven polos concellos da contorna.