As pontes, 2 de outubro| Conta atrás para a que será unha das dastas de promoción gastronómica e cultural maís importante do outono pontés e é que, a finais de outubro, regresa a Feira de Fungos e Cogumelos das Pontes.

Os festexos celebran a súa edición número 28 e cun importante cambio con respecto a outras edicións: a súa data de celebración. De feito, como xa lles anunciabamos a pasada semana, a feira pasará do un de novembro ao domingo 29 de outubro coa fin de desenvolver todo tipo de actividades aproveitando tamén a xornada do sábado 28 e lograr, deste xeito, unha maior cantidade de visitas ao coincidir coa fin de semana.

Como é habitual, non faltará a música, as clases de cociña, as degustacións populares, as actividades para os máis novos e o tradicional certame de cestas, da man dunha fin de semana, intensa e con atractivas propostas para todo tipo de gustos.

Así xa o sábado teremos as primeiras actividades, cunha clase de cociña da man dos integrantes do programa da TVG Larpeiros, para continuar coa sesión vermú, neste caso coa música dos Lolipops.

Á tarde os fogóns volverán estar acesos cun vello coñecido: o restaurador Antonio Díaz, do restaurante Andarubel que volverá dar consellos e prácticas receitas sobre a cociña con fungos e cogumelos.

Ademáis polas rúas teremos música con diferentes actuacións de rúa, unha mostra de produtos da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais Fademur que tamén poderemos visitar o domingo, e a banda sonora será cousa das formacións The Alley Stompers, De Vacas, a banda municipal de Arzúa e Woyza.

Xa o domingo o protagonismo será para unha nova edición do certame de cestas, no que un ano máis se repartirán premios por valor de 1.200 euros entre as mellores propostas; non faltará a degustación popular dun menú cos cogomelos coma protagonistas e, por suposto, a música con actuacións ao longo do día de formacións coma Hot Chocolate, Tomaccos, Piú Bello ou Mastreta.

As actividades infantís serán cousa dos grupos Pista catro e La Guagua e, para os xiareiros da cociña, nada mellor que unha nova masterclass co chef cercedense Xoan Crujeiras, propietario do restaurante Bido e membro do Grupo Nove.

A todo isto haberá que sumar a décima edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, que permanecerá instalado na Avenida da Coruña ao longo de toda a fin de semana e, por suposto, a diversión garantida para aqueles veciños e visitantes que se animen a pasar a derradeira fin de semana do mes de outubro na nosa vila.