O MOVA festexa a súa primeira década con récord de participación

83

As Pontes, 26 de outubro| O mercado de oportunidades Vila das Pontes, o MOVA, vai festexar a súa primeira década de vida e cun resultado de participación que marca récord e é que 24 establecementos comerciais da nosa vila ocuparán a gran carpa que se instalará os días 28 e 29 deste mes na avenida da Coruña.

Un récord en comparación con convocatorias anteriores que obrigou á organización a alugar unha carpa de dimensións maiores ás doutras edicións, con 1000 metros cadrados ateigados de establecementos de todos os tipos.

Récord a nivel de participación e tamén algunhas novidades xa que ademáis das tradicionais tendas de roupa, calzado, deportes, agasallos ou servizos, teremos florarías entre os postos que integrarán este MOVA 2017, onde se contará coa presenza de ata cinco comercios que se estrean nesta cita.

Grande esforzo dos comerciantes locais e tamén do equipo organizativo que, unha vez máis, está comandado pola concellería de Hostalería e Comercio, mediante o Instituto Pontés de Promoción Económica, e a asociación de Comerciantes, hostaleiros e empresarios COHEMPO.

A avenida da Coruña volverá ser o escenario dunha cita que abrirá as súas portas en horario de 10 a 7 da tarde, tanto o sábado coma o domingo, e no que volverá haber premios para os que realicen algunha compra. De feito, durante a fin de semana, e sempre ás 6 da tarde, celebraranse seis sorteos de 100 euros en cheques de compra para gastar no propio Mova.

Para amenizar a xornada de compras tamén se contará coa música do grupo de Batukada Batería de Cariño e incluso, entre os clientes, visitantes e curiosos poderemos atopar a nova mascota do comercio local e que xa se presentaba o pasado mes de maio, ao abeiro do desfile Móvete por As Pontes.

E é que a derradeira fin de semana de outubro, As Pontes e en especial o centro urbano volverán ser todo un rebulir de veciños e visitantes que, de seguro, non deixarán pasar a oportunidade de facerse con impresionantes gangas nesta décima festa do comercio local.