As Pontes, 31 de Xullo do 2017

As rúas pontesas foron onte tomadas polos vehículos de dúas rodas, por máis de medio cento de motocicletas pero iso sí clásicas, con máis de medio século de vida nos seus motores.

E é que o clube Fina Sportbikers apostaba por aproveitar a xornada de onte domingo para celebrar a primeira edición da xuntanza de motos clásicas Vila das Pontes, un acontecemento que superou as cifras de participación inicial previstas pola organización do evento e na que tomaron parte xiareiros destes clásicos das dúas rodas vidos dende diferentes concellos de toda a contorna, coma Lugo, A Coruña, Vilalba ou Ferrol .

A rúa Ramón Cabanillas converteuse no escenario perfecto para acoller, a primeira hora da mañá, a estas xoias das dúas rodas, algunhas delas de principios de século pero tan ben coidadas e restauradas que non teñen nada que envexar ás novidades do mercado actual.

Ata As Pontes se desprazaron dende Bultacos, ata Hondas, Suzukis, Derbis ou BMWs, ademáis de todo un clásico das concentracións: as míticas Vespas italianas de toda a vida.

Non faltaron dende sidecars ideais para viaxar coa parella ata motocicletas de asfalto ou xa máis adicada aos terreos de montaña con Ossas, Guzzis, algunhas Montesa, Dileras ou Puchs, e que se completaron cunha fermosa exposición dunha vintena de motocicletas clásicas restauradas que, tamén durante a tarde, se mantiveron expostas a carón do colexio de Santa María para desfrute de veciños e veciñas de todas as idades.

Preto das 12.30 arrincaba a segunda actividade da xornada, unha roita polas rúas do centro urbano que levou aos participantes pola avenida da Habana, rúa Celso Emilio Ferreiro e, por suposto, ao lago, onde os participantes tamén realizaron un pequeno descanso.

Dende ahí tocaba emprender roita ata a Faeira para facer un novo alto no camiño para un refrixerio para, posteriormente, afrontar percorrido de regreso ata a Fraga de Dona Rita. Alí, na caseta do Polbo, participantes, organización e colaboradores degustaron un saboroso menú que serviu para poñerlle o punto e final a esta primeira e exitosa convocatoria de motos clásicas con selo pontés.