Marchan a bo ritmo as obras da Avd. de Lugo

87

As Pontes, 14 setembro de 2018. As obras de mellora da accesibilidade da Avenida de Lugo, encamiñas a eliminar o desnivel existente nas beirarrúas, promover un mellor acceso ás vivendas e potenciar a mobilidade na zona, progresan a bo ritmo.

Esta intervención, cun orzamento de 91.904,13€ e un prazo de execución de tres meses, está sendo levada a cabo pola U.T.E integrada Barnacle Obras y Servicios S.L e BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas e suporá a remodelación estrutural e superficial dunha das principais vías de acceso á vila.

O proxecto responde ás peticións que os veciños da contorna lle trasladaron ó equipo de redacción, en diversas reunións, para en palabras de Montserrat García, tenente de alcalde do Concello de As Pontes de “atopar a solución que mellor se adaptase ás súas necesidades, resolver os problemas da rúa e beneficiar ó conxunto da veciñanza, especialmente os veciños da Avenida de Lugo, garantindo a seguridade e a mobilidade”

Esta actuación suporá a eliminación das escaleiras e a súa substitución por ramplas e zonas de estancia así como a instalación de varandas nos cambios de desnivel, como medidas de protección, para crear unha zona sen barreiras arquitectónicas.

Os traballos tamén inclúen a substitución da rede actual de saneamento, a renovación de todos os pavimentos do viario, a creación de pasos peonís, a instalación de novas luminarias así como de mobiliario urbano.