• O 25 de novembro é o “Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres”. Por este motivo, desde a Corporación Municipal queremos amosar a nosa firme repulsa contra todas as formas de expresión de violencia machista.
  • A violencia contra as mulleres debe entenderse como a manifestación máis clara da desigualdade que existe entre homes e mulleres, como o maior obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria.
  • Este ano –segundo datos oficiais– foron asasinadas 52 mulleres en España, sen contar os asasinatos das mulleres por estar ao lado da vítima, por ser irmá, filla ou nai. No caso de Galicia o contador suma xa cinco. Cinco mulleres foron asasinadas a mans de homes dos que pretendían afastarse: María José, Sandra, Alba e María Elena en Valga e Mari Carmen en Vilalba. A rabia e o desconsolo fainos seguir avanzando nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita.
  • Sabemos que o asasinato é a última e máis extrema das violencias machistas, pero que son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que rodean e perseguen ás mulleres. Nos últimos meses atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de violacións en grupo e de sentenzas que subestiman a situación de indefensión ante os agresores. Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural; compre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas  para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, aumentar os recursos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados… por iso, queremos incidir na prevención, facendo o chamamento de CONTRA AS VIOLENCIAS, EDUCACIÓN!
  • A loita contra as violencias machistas esixe un traballo constante e decidido, por que só o día en que ningunha muller sufra violencia, en calquera das súas formas, poderemos dicir que vivimos nunha sociedade igualitaria. Ata entón, temos a obriga de traballar sen descanso.
  • As institucións públicas debemos poñer no centro da nosa actividade na erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista. Compete aos poderes públicos realizar un maior esforzo, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero que nos acheguen a consecución dunha sociedade libre de violencias.
  • A loita contra as violencias machistas debe ser unha prioridade institucional e política, que atravese todas as esferas, trazando estratexias en todas as áreas, na educación, no deporte, na mocidade, no emprego. Facendo participe a toda a sociedade e fomentando o rexeitamento das violencias.
  • Resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero. As entidades locais  debemos ser as principais axentes na loita contra a violencia pola súa proximidade á cidadanía, promovendo unha sociedade que non permita, xustifique ou banalice as agresións e as condutas discriminatorias cara as mulleres.
  • E así, desde o Concello de As Pontes dicimos NON Á VIOLENCIA que sofren  as mulleres polo simple feito de selo e COMPROMETÉMOSNOS a:
    1. Desenvolver, no ámbito das nosas competencias e en aplicación da lexislación vixente, unha política municipal activa, integral e coordinada a favor da igualdade e contra a violencia machista.
    2. Loitar pola erradicación das violencias machistas.
    3. O Concello das Pontes comprométese a poñer recursos a prol da  prevención da violencia machista, reforzando o papel do CIM, e implicando a toda a veciñanza das Pontes, en accións de carácter pedagóxico, educativo, social e lúdico que esperten a capacidade crítica, solidaria e comprometida da sociedade.
    4. Implicar a toda a sociedade pontesa na loita contra tipo de violencia.
    5. Fomentar actitudes solidarias e comprometidas fronte ó maltrato.
    6. Fomentar a igualdade e a ruptura cos estereotipos de xénero, piares básicos na loita contra as violencias machistas.
    7. Apoiar as accións de entidades e movimentos feministas nas actividades e actos contra a violencia machista.
    8. Instar á Xunta de Galicia ó cumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral contra a violencia de xénero, para que impulse a formalización e actualización de acordos interinstitucionais de coordinación entre as diversas instancias e Administracións Públicas con competencias na materia obxecto desta lei.
    9. Instar ao goberno central a que cumpra o Convenio de Istambul e o Pacto de Estado, para que, entre outras medidas, sexan contabilizadas oficialmente como vítimas asasinadas das diferentes formas de violencia machistas, as 94 contabilizadas neste ano 2019.