As Pontes, 25 de outubro| Logo de termos degustado e xulgado as tapas desta IX edición do certame pontés, agora tocan xa os premios.

Despois o de que cada un dos 25 establecementos participantes entregasen cadansúa urna, cos votos recollidos, tocaba este mediodía abrilas a escoller as nove papeletas gañadoras dos 1.800 euros en cheques agasallo cos que se premiará o labor do xurado popular, neste caso dos veciños e veciñas que, durante os dez días de concurso emitiron o seu voto polo pincho que máis lles gustou.

A propia secretaria do Concello, Marina Núñez, presidía este sorteo que tivo lugar na sala de concelleiros do propio Concello, coas cámaras de RTVEume como testemuñas.

Os nove afortunados recollerán mañá un premio de 200 euros cada un a gastar nos locais comerciais e hostaleiros da nosa vila.

A entrega será no propio acto de clausura do concurso deste ano, que se celebra mañá, ás seis da tarde.

Será tamén cando se dean a coñecer os galardóns á tapa máis valorada polo público e á mellor tapa pontesa 2017.

O acto é aberto e contará coa presenza de representantes de todos os locais que participaron. Terá lugar no primeiro andar do Mercado Municipal e estará presidido pola concelleira de Turismo e Comercio, Ana Pena, ademáis de integrantes da Asociación COHEMPO, IPPEC e do propio xurado deste concurso que, un ano máis, logrou o seu principal obxectivo: impulsar o importante tecido hostaleiro que temos na nosa vila e facer que veciños e visitantes nos animemos a desfrutar de todo o que os mesóns, bares, cafeterías e restaurantes da nosa vila nos teñen que ofrecer.