As Pontes, 19 de outubro| Mañá, 20 de outubro, comeza unha nova edición das Xornadas de Atención Integral Centrada en Maiores, que chega á nosa vila por segundo ano consecutivo.

A iniciativa, que conta coa colaboura do Concello de As Pontes e a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, desenvolverase mañá nas instalacións da Casa Dopeso, e contará con diferentes charlas e ponencias protagonizadas por educadores sociais, técnicos de axuda no fogar, expertos en xerontoloxía ou terapeutas que abordarán a atención ás persoas maiores.

Comezarase xa ás 10 da mañá, coas primeiras actividades neste caso coa inauguración oficial desta convocatoria na que se contará coa presenza da edil de Benestar Social, Isabel Fornos, e a organizadora do evento: a educadora social Laura Vilaboy.

Posteriormente, será a quenda de Diego Sánchez, Katia Rouco, Fátima Calvo e Gonzálo Docampo que abordarán e debatirán sobre a prevención da dependencia e o papel dos Servizos Sociais Municipais, na mesa redonda convocada ó efecto.

Tras dun descanso, ó mediodía arrincará a terceira poñencia da xornada. Neste caso serán tema de debate os servizos de terapia ocupacional, o servizo de axuda no fogar e os centros de maiores con discapacidade, unha conferencia na que se contará coa terapeuta Alba Penabad, as traballadoras sociais Tamara Filgueiras, Tania Puentes, Tania Pardo e Guadalupe Lago.

Pola tarde, dende as catro e ata as cinco e media teremos xa a última sesión destas xornadas. Como tema de debate poranse enriba da mesa as diferentes terapias para maiores. Así contarase coa presenza de Antía García, que realiza sesións de terapia con cabalos no centro hípico Prado Aventura; e con Araceli Formigo que desenvolve sesións de ioga da risa con adultos.