Máis de medio cento de comercios e locais participarán na campaña Merca nas Pontes

99

As Pontes, 5 de decembro| Máis de medio cento de comercios e locais de hostalería participarán, dende o xoves, nunha nova edición da campaña Merca nas Pontes.

Un dos clásicos do nadal pontés ven protagonizado polo comercio local e é que regresa, nunhas horas, o Merca nas Pontes.

Novamente a asociación de comerciantes, hostaleiros e empresarios Cohempo e o Concello, póñense á fronte da campaña maís mítica do nadal e que volverá repartir interesantes premios entre aqueles veciños e veciñas que se animen a realizar, nestes días, as súas compras de nadal nos establecementos da nosa vila.

Un total de 55 comercios, adicados aos sectores máis diversos, tomarán parte dende este mesmo xoves e ata o vindeiro 6 de xaneiro nesta campaña que regresa ás súas orixes. De feito, tras varios anos apostando tamén pola implicación do tecido hostaleiro local, neste 2017 vólvese ao plantexamento inicial, co reparto de rifas numeradas entre aqueles que realicen algunha compra nos diferentes establecementos participantes e que, como é habitual, contarán cun cartel identificativo.

Estas rifas formarán parte dun sorteo no que se repartirán 2300 euros en premios. Así, contarase cun primeiro premio de 1000 euros, dous segundos de 500 e un terceiro premio de 300 euros, a gastar no máis de medio cento de comercios que tomarán parte nesta campaña.

Tamén temos xa data do sorteo oficial destes tres premios: será o 13 de xaneiro.

Como novidade este ano, contaremos cun segundo concurso, neste caso, os veciños serán os encargados de escoller o mellor escaparate de Nadal destas festas.

Os establecementos participantes subirán as súas fotografías á web de COHEMPO ou ao seu espazo de Facebook aínda que tamén os poderemos ver en vivo e en directo, visitando os locais participantes.

O público, cos seus votos na propia web de COHEMPO, será o encargado de escoller o mellor escaparate do ano e, por suposto, a súa colaboura volverá ter premio en forma dun cheque de 150 euros a gastar nos comercios participantes.