Máis de 6.000 espectadores participaron nas actividades culturais do Concello de As Pontes

92

As Pontes, 11 de maio de 2018. As actividades culturais programadas polo Concello de As Pontes, durante o ano 2017, congregaron a máis de 6.000 espectadores.

O concello de As Pontes, a través da Concellería de Cultura, organizou un total de 34 actividades no auditorio municipal Cine Alovi e, entre todas as actividades programadas, o espectáculo circense Galtuk foi a que atraeu a maior número de espectadores que encheron, ata en cinco ocasións, o aforo do recinto municipal, cunha capacidade máxima de 400 espectadores.

Os espectáculos de teatro e música tamén tiveron un importante poder de convocatoria. Máis de 2.300 espectadores asistiron ás 23 actividades programadas, entre as que destacaron o concerto de Rozalen, da actuación do grupo de música tradicional, Milladorio e a obra teatral 100% Burbujas.

Máis de 800 espectadores asistiron á proxección dos 10 títulos cinematográficos que se exhibiron durante o ano 2017 no auditorio municipal, e entre todos eles destacaron, por afluencia, os filmes de animación e familiares con títulos como Inside Out e Zootropolis que lograron reunir a 400 espectadores de forma conxunta.

A concelleria de Cultura, Sonia Suerio, amósase moi satisfeita con datos e remarca que estas cifras están en sintonía coa aposta do goberno local coa cultural. “O noso compromiso é ofrecerlles ós veciños unha programación variada, axustada a todos os gustos e idades, de calidade e a un prezo alcanzable que garanta o acceso de todos os ponteses á cultura e, os datos amosan que vamos na dirección correcta”

Cine de estrea, concertos de bandas lendarias, exposicións fotográficas e de pintura, de artistas locais e de autores de sona recoñecida, contacontos, exhibicións de bailes de salón, representacións teatrais e de ópera son algunhas das actividades que conforman a oferta cultural deseñada polo Concello de As Pontes para o ano 2018 e coas que o departamento de cultura, en palabras de Sueiro “busca achegar ós veciños a espectáculos que ata agora estaban reservados ás grandes cidades e contribuír, deste xeito, o seu crecemento persoal e amosando a aposta do goberno local pola cultura e polo pobo”.

A programación semanal pode consultarse na axenda da página web municipal http://vive.aspontes.org/ así como nos diferentes perfís que o Concello de As Pontes ten nas redes sociais. As entradas poden mercarse nas taquillas e tamén a través Ticketea, unha nova opción, moi demandada polos veciños, que amosa o compromiso de As Pontes coa cultura e as novas tecnoloxías, na súa vocación de ofrecer a todos os ponteses acceso á cultura.