Máis de 400 matriculados nas Escolas Culturais de As Pontes

91

As Pontes, 5 de outubro de 2018. As escolas municipais de cultura do Concello de As Pontes comezan o curso 2018/2019 con 420 alumnos matriculados, con idades comprendidas entre os cinco e os setenta e cinco anos.

Esta tempada, a Concellería de Cultura puxo a disposición dos veciños oito disciplinas artísticas, a través das que o goberno local busca fomentar o acceso á cultura, impulsar a paixón pola danza e a música entre os ponteses e educar, principalmente, ós máis pequenos en diferentes modalidades artísticas para favorecer a súa formación e crecemento persoal.

A oferta deseñada polo Concello de As Pontes inclúe danza clásica, baile moderno, flamenco e cultura tradicional con clases de baile galego, acordeón, pandeireta, gaita e percusión, e conta cun orzamento conxunto de 64.419,17 euros

A escola que conta con maior número de alumnos matriculados é a baile moderno, modalidade con 161 alumnos seguida polas escolas de danza clásica e flamenco con 80 matriculados.

No caso das escolas de cultura tradicional o número de matriculados ascende a 179 alumnos, con 43 alumnos na modalidade de gaita, 41 na escola de pandeireta, 36 na escola de percusión tradicional mentres que a escola de acordeón contra con 35 matriculados e a de baile galego con 24 alumnos.

O corpo docente está integrado por 6 mestres, 4 responsables de impartir as modalidades tradicionais e dous profesores para as clases de danza clásica e baile moderno. As actividades desenvolveranse na Casa Dopeso desde outubro ata finais de xuño.

A responsable da área, Sonia Sueiro fai fincapé en que: “Esta só é unha pequena mostra do traballo que, desde o goberno local, se fai a favor da ensinanza e difusión da cultura e que se completa cunha ampla e variada oferta cultural que inclúe cine, música, teatro, fotografía, pintura, entre outras. O obxectivo do Concello de As Pontes é garantir ó acceso a unha oferta cultural actual e de calidade a todos os veciños, sen importar a idade e a súas preferencias. Unha oferta universal na que todos os gustos teñan cabida”.