Línea Verde soluciona 800 incidencias en As Pontes

180

As Pontes, 22 de marzo de 2019.  A aplicación Línea Verde posta en marcha no Concello de As Pontes en marzo do ano 2018, solucionou, durante o seu primeiro ano de vida, 800 incidencias municipais.

Desde a implantación desta canle de comunicación directa co goberno local, deseñada para informar sobre danos localizados no municipio e así poder solucionalos do xeito máis rápido e áxil posible, foron postas en coñecemento do grupo de goberno 896 incidencias.

O 90% dos avisos xa foron solucionados, o 2% está en proceso e o 9% restante corresponde a notificacións que no están tipificadas na aplicación, tales como infraccións de tráficos ou asuntos relacionados cos servizos sociais e que deben ser comunicadas a través doutras canles administrativas, como son o rexistro municipal, a Policía Local ou o CIM.

O tipo de incidencias que máis se comunicaron foron as que fan referencia ó estado das beirarrúas, vías e sinalización (26,6%), seguido dos avisos sobre o estado dos servizos públicos de saneamento, alumeado e abastecemento (15,5%) e, en terceiro lugar cuestións relacionadas coa limpeza das rúas e residuos (11,5%).

Outros temas que preocuparon á veciñanza foron os parques e xardíns (9%), as incidencias comunicadas o tráfico e a mobilidade (8%) e o mobiliario urbano, tema que supuxo o 6,7% dos avisos realizados a través da aplicación Línea Verde.

Desde o goberno local valoran positivamente os resultados e subliñan a boa marcha deste novo servizo de participación cidadá que “tivo unha excelente acollida por parte da veciñanza e supuxo un incremento da súa implicación na mellora do municipio, favorecendo as boas prácticas cívicas e medioambientais, permitindo ademais, ó goberno local coñecer, de primeira man, as inquedanzas e preocupacións dos veciños e veciñas e facer de As Pontes o pobo que queremos, entre todos”.

 

Línea verde

Línea Verde é unha aplicación gratuíta de xestión municipal, deseñada para informar, de forma directa, ó goberno local sobre danos localizados na vila e así poder resolvelos dunha forma máis áxil e en menor tempo.

A través deste sistema axilízanse os trámites, redúcense os tempos de reaccións e permite coñecer cuestións, das que doutro xeito non se tería constancia, e buscarlles unha solución.

Para poder usar este servizo de xestión municipal é preciso descargar a APP Línea Verde. O usuario debe acceder a Google Play ou a APP Store, en función da tecnoloxía empregada no seu smartphone (Android / iOS), buscar a aplicación e, unha vez localizada, proceder a súa a descarga (de balde). O usuario, a continuación, deber seleccionar o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia e comezar un sinxelo proceso de comunicación.

Para comunicar o dano, basta con premer sobre o botón “Nueva incidencia”. Un menú coas diferentes tipoloxías de incidencias aparecerá na pantalla; o usuario selecciona aquela sobre a que quere facer unha comunicación e, de forma automática, a APP detectará as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. A continuación o usuario achegará unha foto da incidencia e un comentario sobre a mesma e premerá o botón de enviar.

Unha vez enviada a incidencia, persoal do Concello de As Pontes recibirá unha notificación do dano comunicado. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán, á súa vez, recibe unha notificación no seu teléfono móbil cando se produza un cambio no estado da incidencia comunicada.

Tamén é posible acceder a Línea Verde a través do domino http://www.lineaverdeaspontes.org