RTVEume | A rede de voluntariado Kimo-kap aterrou esta fin de semana nas Pontes, por medio da súa representante en Galicia, a pontesa Olalla Sueiro. Unha trintena de veciñas decidiron aportar o seu grao de area e sumarse a esta cadea solidaria, un proxecto solidario que contribúe á loita contra o cancro, mediante a doazón de puchas para os nenos e nenas que perderon o seu cabelo como consecuencia dos tratamentos oncolóxicos. Os participantes traballaron sobre un mesmo patrón, para obter as puchas reversibles en tres tallaxes diferentes.

E mentras os pais e nais participaban deste taller de costura, para os máis pequenos habilitouse unha zona de xogos dirixida polas monitoras da empresa de ocio infantil Picariños que animaron aos xoves participantes a elaborar tarxetas coas que desexerllas a estes nenos e nenas afectados por esta doenza unha pronta recuperación. Dispúxose ademais unha sección para a elaboración de bonecos de fieltro.

Neste primeiro taller de costura, que apoiou coa súa presenza o concelleiro de Xuventude Jesús Tembrás, contouse coa colaboración de varias costureiras da localidade, socias de artesáns do Eume e tamén representantes da asociación galega de Unidos pola Médula, que animou aos asistentes a facerse doantes.

Kimo-kap ten 31 delegacións espalladas por toda España, incluída Galicia, da que é representante a pontesa Olella Sueiro. O proxecto naceu en Maio de 2014, cun claro obxectivo chegar a todos os nenos e nenas ingresados nos hospitais. Pódese colaborar facendo os gorros-bandanas, cosendo, ou ben doando teas e fíos, que deberán ser 100% algodón e, por suposto, con moita cor.