As Pontes, 9 de outubro| A Feira do Queixo da Faeira e Mel de Goente volvía ser onte todo un éxito de público. O tempo acompañou nunha cita que festexou a súa novena edicíón por todo o alto cunha participación ata o de agora sen precedentes con preto de 600 persoas sentadas á mesa do xantar popular que,cada ano, é o epicentro desta xornada, tal e como apuntou o presidente da Casa do Mel, Manuel Ferreira.

Un éxito que Ferreira tamén extendía ás XVIII Xornadas Apícolas, con gran éxito de participación tanto na charla sobre a colmea termosolar coma notaller práctico sobre o uso do propóleo e que quedaba escaso de prazas ante a gran demanda de participación.

O Concello, a Casa do Mel, Queserías del Eume e as entidades veciñais Raíces e Virxe do Rosario volvían aunar esforzos para dar lugar a unha xornada de diversión para todo tipo de públicos onde a homenaxe a dous produtos tan saborosos e atractivos da nosa localidade coma o mel e o queixo centraron a maioría do programa do día. Así máis dunha ducia de apicultores das Pontes e dos concellos da contorna non dubidaron á hora de sumarse a esta cita, ao igual que dúas queixerías da comarca.

Néctares de Lugo, Ourol, As Pontes ou Vilalba compartiron espazo con postos de queixos da zona, artesanía de todos os tipos e ata obradoiros de candeas e que foron do máis visitados. Con eles tamén un taller de elaboración de queixo para os máis pequenos, zonas de xogos tradicionais,un espectáculo de maxia e ata un obradoiro de pintacaras.

Asemade, non faltou o ritmo da man dunha sesión de zumba e incluso unha clase de pintura en grafitti, ademáis dos tradicionais sorteos de agasallos da Casa do Mel e de Queserías del Eume. Un programa do máis interesante e exitoso que deixa o listón moi alto para a vindeira edición desta cita gastronómica.

Popular foi o xantar, tamén as actividades infantís e por suposto a freixoeira municipal da que se volvían encargar dende a asociación de veciños Beira do Eume, que tivo moito traballo repartindo centos de freixós para as merendas da tarde.

E tamén pola tarde coñeciamos o nome dos gañadores da décima edición do Certame de Meles Claros e Escuros, uns premios que se encargaban de entregar o alcalde, Valentín González Formoso, o propio Manuel Ferreira e Raimundo Meizoso de Queserías del Eume. Uns galardóns que recaían no viveirense César Castro e o lucense José Luis Esteban, e nos que tamén se recoñecían os néctares de Remedios Fernández e María Dolores Lage, como finalistas.

Asemade, ao longo da entrega de premios tamén se rendía homenaxe a un veciño da parroquia: o falecido Ángel Seco Vilariño, ao que se lembrou mediante a entrega dunha praca conmemorativa á súa viuva e ao seu fillo.

Como fin de festa e tras dun intenso día de domingo onde o rebulir de xente en Goente foi contínuo, tocaba poñer o punto e final á tarde e nada mellor que da man da música do grupo Tribal que lle puxo a banda sonora á esta espectacular convocatoria que deixou o nivel moi alto para o que sera, no 2018, o seu décimo aniversario.