As Pontes, 11 de outubro| O Concello de As Pontes ven de poñer en marcha a primeira edición do Obradoiro Eume, obradoiro de emprego que permitirá a 12 veciños e veciñas das Pontes acadar a cualificación en atención sociosanitaria.

O certificado de profesionalidade que se imparte, Atención sociosanitaria a persoas no domicilio, permitirá ao alumnado -traballador participante no proxecto acadar os requisitos mínimos que precisa para a súa inserción laboral nunha ocupación moi demandada e, con dificultades para cubrir prazas con persoal cualificado tanto no ámbito público como privado.

A parte formativa, teórico-práctica, desenvólvese no local social Vincallo mentres que a parte laboral realízase no Servizo de Axuda no Fogar do propio Concello.

No obradoiro cóntase cunha mestra especializada en atención sociosanitaria, unha mestra de formación e xestión empresarial, unha auxiliar administrativa e unha directora, que xunto ao alumnado suman un total de 16 persoas que durante os nove meses que dura o programa contarán cun emprego.

Este proxecto forma parte das políticas activas de emprego que está a desenvolver o Concello,  enmárcase dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Consellería que financia o programa con 167.975 euros, o resto do financiamento necesario para desenvolver con éxito esta actividade corren a cargo do propio Concello,  40.000 euros.