As Pontes, 4 de xullo| Mañá arranca o Congreso sobre patrimonio industrial e obra pública que este ano trae ata a nosa vila o Comité internacional para a conservación e a defensa do patrimonio industrial.

Os actos de inauguración estarán marcados polas intervencións institucionais e unha conferencia introductoria ao congreso sobre o conxunto mineiro e patrimonial de As Pontes.

O alcalde, Valentín González estará para a inauguración oficial das sete da tarde.

O xoves e o venres, en sesións de mañá e tarde exporanse os diferentes traballos, en concordancia con coloquios e mesas de debate e empregando unha sala en Santa Mª e outra en Casa Dopeso.

Xa para o sábado tocará realizar un itinerario que permitirá aos congresistas contemplar as importantes  intervencións de reutilización e adecuación do que foi a maior mina de carbón a ceo aberto do estado, e coñecer a súa adecuación e conversión nun espazo e área patrimonial cunha salientable obra de enxeñería. Verán xa o impresionante lago orientado a deportes náuticos e ó disfrute cidadán.

Nas máis de oitenta poñencias, estructuradas en catro apartados temáticos deste VII Congreso de TICCIH en España, abordaranse e debatiranse cuestións que afectan ao patrimonio industrial no contexto da sostibilidade, as paisaxes a ceo aberto; as estratexias de rexeneración territorial, as repercusións ambientais; e o turismo industrial.

Todos os traballos que resulten destas xornadas, serán recopilados nunha publicación a serie histórica de TICCIH editada polas Institucións colaboradoras.