Hoxe, 23 de octubro, conmémorase o día das bibliotecas escolares, baixo o lema “Biblioteca escolar, base de exploracións“. No Colexio Santa María celebraban este día co xogo “En busca do libro perdido”. O obxectivo era que os nenos e nenas explorasen na súa biblioteca e así todos os alumnos e alumnas acompañados polas súas titoras e seguindo distintas pistas atoparon os libros perdidos e como recompensa leváronos para a casa, na mochila viaxeira.

Ademais aprovéitabase esta conmemoración para facer entrega aos estudantes de novo ingreso dos carnés de socios da Biblioteca.

Tamén mañá a Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco sumarase ás celebracións do Día da Biblioteca. Para conmemoralo, organizan unha xornada de portas abertas, na que non han faltar o teatro, a música e a poesía.

A programación iniciarase ás seis da tarde cunha sesión de teatro, a cargo do grupo local O Catre e os seus exitosos Contos de pés. Presentarán a montaxe A Cincenta.

Hora e media despois, ás sete e media, alumnos e alumnas do Conservatorio de Música das Pontes ofrecerán un concerto e daranlle paso ao recital poético do Grupo Alalá.

Finalmente, ás nove e media da noite Jin Tony`s Son ofrecerán un concerto neste mesmo escenario.

No transcurso da celebración serviranse castañas e chocolate quente aos asistentes. Este programa organizado pola Concellería de Cultura está aberto á participación de todos os veciños e veciñas das Pontes. Mañá sábado dende as seis da tarde, xornada de portas abertas na Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco.