• 13 hostaleiros con máis de catro décadas no negocio foron os protagonistas do tradicional pregón das Festas do Carme

As Pontes, 15 de Xullo de 2016.-

As Pontes rendeu hoxe merecida homenaxe ao sector local da hostalería mediante o pregón, un dos actos máis emblemáticos e solemnes das festas en honra á patroa.

Así, membros da Corporación Municipal, a Comisión de Festas, veciños, familiares e amigos déronse cita diante da Casa do Concello para acudir a este recoñemento público do que foron protagonistas 13 hostalerios que levan máis de catro décadas co seu negocio en marcha, aínda que algúns a día de hoxe xa non están entre nós ou se atopan desfrutando dunha merecida xubilación.

Mantendo a liña de anos anteriores de homenaxear a distintos colectivos do municipio, como aconteceu cos sectores do comercio, medicina, construcción ou ensinanza, para este 2016 optouse por recoñecer o importante papel deste sector que mantén ducias de empregos na nosa vila.

Casa Picos, con Francisco Díaz e Francisca Calvo, O Rodas de Ángeles Basanta e Antonio Ferrer, Casa Díaz de Francisco Díaz Calvo, Casa Ana de Benedicta Calvo, a taberna do Freixo de Ubaldo Ramil e Mari Carmen Varela, Casa Eladio de Ricardo López Bouza, A Cueva de Carmiña Fernández, O Daniel de Daniel Barro, Casa Valentín de Valentín Barro e Claudina Seijo, o Marbella de Eugenia Aldrey e Constante Fernández, o Trastoy 1 de Ángeles Fornoso e Manuel Trastoy, o Cantábrico de Carmen Barro e o Atallo de Arcadia Díaz e Amable Aneiros foron, nesta ocasión os homenaxeados e de feito, algúns deles estiveron presentes e ata compartiron unhas sentidas verbas de agradecemento a veciños, executivo local e comisión de festexos.

De feito, moitos deles lembraron o cómo se poñían en marcha os seus negocios, algúns con ata 70 anos ás costas e que non serían posibles sen a súa clientela, da que tamén todos os hostaleiros homenaxeados se lembraron hoxe.

Outro dos momentos máis agardados foi a intervención do alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, que presidiu o acto e que recoñeceu o gran papel deste sector. De feito, o primeiro edil definiu aos bares coma ese cruce de camiños onde todo se fala, onde comezan amores, se comparten penas e ata se pechan negocios, lugares que están sempre presentes en todos os momentos da historia pasada, presente e futura de calquer concello.

González Formoso fixo especial fincapé no papel das tabernas do rural, e describiunas coma eses lugares de encontro dos veciños, de feito lembrou algunhas das que xa non están.

Como lembranza deste momento, todos os pregoeiros recibiron un agasallo da man do propio alcalde, da edil de Cultura, Sonia Sueiro, e ods membros da Comisión de Festas aínda que o broche final foi en clave musical, da man das cancións da Tuna da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.