Homenaxe ás precursoras do conservatorio de As Pontes

288

As Pontes, 9 de xullo de 2018. O Concello de As Pontes rendeu, hoxe, homenaxe ás sete mulleres que no ano 1983 plantaron a semente do actual Conservatorio Profesional de Música de As Pontes.

Trátase dun grupo de mulleres que conformaron a comisión de Festas do Carme dese ano e que decidiron, cun remanente dos cartos recadados para celebrar as festas patronais, mercar un piano vertical e cederllo ó Concello para que os nenos da vila estudasen música.

Con esta emotiva homenaxe, e coincidido co 35 aniversario desta iniciativa, O Concello de As Pontes, quixo recoñecer a contribución de Purita Franco, Maruja Vega Antón, Encarna Picallo, Beli, Silvina Barro Rochela, Maribel Peral e Mary Maseda á difusión da música e da cultura na vila.

Durante o acto institucional, a tenente de alcalde, Montserrat García agradeceu ás precursoras do Conservatorio aquela doazón desinteresada así como a axuda prestada polo alcalde Don Jaime Vilaboy xa que, entre todos, fixeron posible que As Pontes sexa unha terra de grandes músicos.

“As Pontes non se entende sen a música e os seus músicos e, sen dúbida, é algo que lle debemos a este grupo de mulleres. Mulleres traballadoras, comprometidas e moi xenerosas que, polo que fixeron e como o fixeron, foron capaces de avivar a lapa de música na nosa vila; mulleres que son e sempre serán parte da súa historia. O seu foi un pequeno xesto pero esencial para a nosa vila, para as xeracións do futuro pero sobre todo para a cultura e a música” subliñou a tenente de alcalde.

Tras a súa intervención, García Chavarría fíxo entrega ós homenaxeados dun pequeno agasallo conmemorativo e o director do Conservatorio, José Manuel Campello Blanco, ex alumno daquelas primeiras clases de música, interpretou una pequena peza homenaxe no piano que mercaran as sete precursoras do Conservatorio Profesional de Música de As Pontes.

Acto seguido inaugurouse o Festival de Música Clásica Son de As Pontes, co concerto Septimino. Op 20 de Ludwig van Beethoven interpretado por Elena Rey, Diego Segade, Raúl Mirás, Antonio Cienfuegos, Antonio Suárez, Laura Jiménez e Benxa Iglesias.

Festival de Música Clásica Son de As Pontes

O festival de música clásica Son de As Pontes, é unha proposta artística e pedagóxica, organizada por As Xuventudes Musicais da Coruña, en colaboración co Conservatorio Municipal de As Pontes que se centra na realización de clases maxistrais e concertos.

Desde o 9 ó 14 de xullo, decenas de artistas invitados e alumnos, achegarán ós ponteses a música de cámara con recitais de vento e guitarra, cuartetos con piano, pezas de Mozart ou de Bach. Propostas dun festival do que os ponteses poderán gozar na Casa Dopeso e ó aire libre, na praza de Igrexia de Santa María.