Tras a reunión de alcaldes das provincias da Coruña e Lugo da semana pasada, o rexedor pontés comunica ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a preocupación dos alcaldes de Ferrolterra, Eume, Ortegal, Terra Chá e A Mariña lucense pola diminución da actividade da central térmica pontesa 

As Pontes, 23 de xullo de 2019. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, reuniuse co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para pedirlle que traslade ao Goberno de España a súa demanda de pór en marcha “políticas de transición ecolóxica graduais e xustas”.

Formoso destacou que a semana pasada recibiu o apoio de numerosos alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal, Terra Chá e A Mariña lucense que se reuniron nas Pontes para analizar e dar visibilidade a un problema “que ten importantes consecuencias laborais e económicas que execeden ao termo municipal das Pontes e repercuten seriamente na economía e no emprego dunha ampla zona xeográfica con máis de 200.000 habitantes”. 

“Falamos dunha planta que xera máis de 900 empregos directos e indirectos e que supón, por exemplo, máis da metade do tráfico do porto de Ferrol”, explicou o alcalde, que durante as últimas semanas vén reclamando tanto ao Ministerio de Transición Ecolóxica coma á Comisión Europea a posta en marcha de accións que permitan retomar a actividade productiva da central térmica pontesa.

González Formoso manifestou o seu desexo de que pronto contemos cun goberno central plenamente operativo que permita poñer en marcha a comisión de traballo, comprometida recentemente nunha reunión co Ministerio de Transición Ecolóxica ou a aplicación de medidas coma a retirada do céntimo verde ao carbón.

“Permitir que se especule cos dereitos de CO2 pon en risco a numerosas empresas do sector industrial e pode ter consecuencias nefastas de cara ao futuro da nosa comarca”, afirmou González Formoso, que anunciou que nas vindeiras semanas trasladará tamén á Xunta de Galicia estas peticións.