As Pontes, 25 de maio de 2018. Dez profesionais do sector do comercio recibiron, está
mañá, de man da tenente de alcalde, Montserrat García, os diplomas que acreditan a
súa participación no curso “Acción formativa no teu propio comercio” posto en marcha
polo Concello de As Pontes, a través do IPPEC.

Esta novidosa iniciativa, baseada na formación personalizada e adaptada ás
necesidades de cada establecemento e desenvolvida nas propias tendas, tiña como
obxectivo dotar ó comercio local das ferramentas precisas para mellorar a súa
competitividade e impulsar a súa contribución á economía da vila.

Durante cada sesión, un profesional do sector do visual merchandising, amosoulles, a
cada un dos comerciantes participantes, a través dunha formación presencial
orientada ás súas necesidades específicas, distintas estratexias e técnicas comerciais
para sacarlle o máximo partido ós seus establecementos e comunicar de xeito correcto
e eficiente o seu produto, traballando aspectos como o sistema de compra, a
implantación en tenda do produto, o escaparate ou a presenza en redes sociais.
Asemade, esta actividade formativa nos propios comercios incluíu un estudo da
contorna, da competencia, dos clientes e do propio negocio e o seu funcionamento
para, cos datos obtidos, elaborar a estratexia comercial e as pautas precisas para
poñela en marcha así como unha análise da evolución dos resultados acadados para
comprobar a adecuación da estratexia comercial.

Durante o acto de entrega de diplomas, Montserrat García, fixo fincapé na importancia
que este tipo de accións formativas teñen para o comercio local de As Pontes. “O
punto de venta é a imaxe dos negocios, un bo escaparate, unha boa colocación dos
produtos e unha estratexia comercial correcta pode facer que as ventas medren e
aumente a competitividade. O comercio é un sector clave na economía e no emprego
da nosa vila e desde o Concello de As Pontes continuaremos traballando para facer do
noso comercio un sector dinámico, innovador e de calidade”.

Formación personalizada para o comercio de As Pontes