RTVEume| O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de emprego, vai poñer en marcha a finais deste mes unha nova actividade formativa. Trátase dun curso de prevención de riscos laborais no manexo de maquinaria forestal e que servirá para que os participantes coñezan as medidas de prevención necesarias de aplicación á hora de ter nas mans unha motoserra ou unha rozadoira.

Poderán sumarse a este obradoiro todas aquelas persoas traballadoras, maiores maiores de idade, ocupadas ou desempregadas, do sector forestal ata un máximo de 15 participantes.

O curso, que novamente será totalmente gratuíto, desenvolverase entre os días 21 e 25 deste mes, na aula polivalente da Casa Dopeso e terá unha duración de 22 horas.

O ISSGA volveu a seleccionar ao municipio pontés para acoller novas ofertas formativas en materia de prevención, dentro do Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, recollendo o sector primario como un sector de actuación preferente en materia de seguridade e saúde laboral.

Para poder anotarse nesta actividade, os interesados deberán achegarse ata o departamento municipal de emprego, no segundo andar da casa consistorial onde tamén será posible obter máis información sobre esta iniciativa formativa.