RTVEume| Coa chegada do mes de setembro toca regresar á rutina. Volven as clases de música e baile, os talleres de manualidades, os cursos de idiomas, a volta á escola e, neste regreso ao día a día, non podían faltar tamén as foliadas gaiteiras.

Tras dun verán de descanso, o colectivo de gaiteiros da nosa vila regresa con forzas renovadas ás noites de venres do Lar de Endesa. A cita xa está a ser anunciada por todos os recunchos da nosa vila e será, como é habitual, o derradeiro venres deste mes: o vindeiro día 25.

A organización deste concerto correrá a cargo da formación Canavella de Ribadeume que, por suposto, tamén formará parte do cartel desta primeira foliada da tempada.

Asemade, unha vez máis será posible desfrutar de María López e a súa zanfona, toda unha clásica xa neste tipo de concertos, e da formación Os Sobrados, de Bergondo.

Para esta estrea dunha nova tempada de foliadas contarase coa presenza do grupo ferrolán Dixirité e tamén visitará a nosa vila Siderio de Vilarmide, que presentará un libro disco que leva o seu propio nome e no que, este gaiteiro de 83 anos conta coa colaboura de Constantino Fernandez Castelao “Costante de Valiña” e Modesto Arias López Modesto de Muras.

Esta foliada gaiteira, que conmemorará así a súa edición número 77, dará comezo, coma sempre contra das 22:30 da noite e a entrada será totalmente libre para todos aqueles xiareiros da boa música da nosa terra.

Pero aquí non quedan as convocatorias adicadas á música tradicional galega, xa que o grupo pontés No Cómbaro xa está a preparar a segunda edición dos Cantos de Taberna e que terá lugar na xornada do vindeiro 31 de outubro.

O programa do día incluirá un percorrido musical polos bares colaboradores, ao igual que o ano pasado, e que se desenvolverá entre as 12 e as 15:00h da tarde, e de 19:00 a 22:00h da noite. Unha decea de agrupacións, poderán sumarse a esta festa tradicional e barística que non ten caracter competitivo e coa que se busca levar o son de gaitas e pandeiretas por todos os puntos do centro urbano.

Para anotarse, tan só é necesario enviar un correo electrónico a [email protected] xa que as prazas son limitadas a 10 grupos que se seleccionarán por orde de inscrición.