As Pontes, 4 de decembro de 2018. A semana pasada remataron as obras de creación dun campo de céspede artificial en As Pontes, actuación que foi posible grazas o convenio asinado entre Endesa e o Concello polo que as instalacións deportivas do Poboado das Veigas pasaban a ser de propiedade municipal.

Esta infraestrutura, que se enmarca dentro do proxecto do goberno municipal para a posta en valor das instalacións deportivas do Poboado e melloralas para favorecer a práctica deportiva, tivo un orzamento que supera os 649.000 euros, con cargo o POS+ da Deputación da Coruña e está, en palabras do alcalde, Valentín González Formoso, “deseñado para albergar a maior cantidade de deportes posibles e, á súa vez, permita practicalos en mellores condicións, reducindo no terreo os envites das condicións climatolóxicas”.

Trátase dun campo polivalente que poderá ser utilizado tanto polos 200 nenos e nenas do Club Deportivo As Pontes e para a práctica doutros deportes como o rugby, o tiro con arco ou o fútbol gaélico. As dimensións exteriores do céspede son de 111 por 71 metros, cunha superficie total de 7.881 metros cadrados o que permitiu obter un campo de fútbol 11 (100×65 metros), un de rugby (95×65) e dous de fútbol 7 (65×44).

Os traballos tamén incluíron a creación dunha beirarrúa perimetral de formigón de 2 metros de ancho en tres dos lados, e de 3,5 metros no outro para permitir o paso da maquinaria que poida ser necesaria para os labores de mantemento e coidado do campo.

Para levar a cabo esta actuación tamén foi preciso realizar a limpeza do terreo, a instalación de saneamento, rego e alumeado así como a instalación de todo o equipamento necesario para a práctica deportiva que inclúe porterías, banderines, redes de protección e bancos.

“Este proxecto fainos avanzar cara un pobo máis sustentable, tanto desde o punto de vista social como ambiental, económico e deportivo. Nel apostamos polo uso eficiente dos recursos, seguimos a máxima das tres erres da reciclaxe empregando produtos e materiais sostibles e reciclados e promovemos o aforro ó tempo que referendamos o noso compromiso co deporte local e de base” apuntou González Formoso.

Finalizan as obras do campo de céspede artificial de As Pontes