As Pontes, 20 de decembro| Fotógrafos do colectivo Expofoto Galicia, procedentes de Coruña, Ferrol, Narón, Ortigueira, Mugardos, Fene, Vilalba e A Estrada, visitaron As Pontes o pasado sábado 10 de novembro para coñecer de primeira man o proxecto de Turismo Industrial, promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC).

A xornada comezou cunha recepción na Casa do Concello por parte da concelleira Ana Pena, dándolles a benvida, e explicándolles o proxecto de turismo baseado nos importantes recursos de patrimonio industrial existentes na localidade.

Ao longo da soleada mañá de outono, realizáronse diversas paradas co fin de facer percorridos a pé que permitisen fotografiar os encantos dos principais recursos de patrimonio local como: a Vila medieval, o río Eume ao seu paso polo Parque da Fraga, o complexo eléctrico de ENDESA, o Encoro da Ribeira, o Poboado Industrial das Veigas deseñado pola empresa ENCASO, e por suposto, o archicoñecido lago mineiro das Pontes.

Para rematar a visita, as persoas asistentes desfrutaron dun xantar nun céntrico mesón, no que transmitiron ao Concello a súa satisfacción pola xornada, e mostraron interese en repetir a visita ás Pontes para seguir coñecendo os atractivos do patrimonio industrial, principalmente ao espazos restaurados da explotación mineira de carbón.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

Colectivo Expofoto Galicia http://expofoto.blogspot.es