Onte mércores 30 de setembro realizábase a última visita guiada da primeira fase do proxecto “As Pontes Experiencia Industrial”. Desta volta a empresa visitada foi Galparquet, pertencente ao grupo empresarial INTASA e integrado en GADISA, unha das grandes compañías empresariais de España, con máis de 7.000 empregados e 1.200 millóns de € de facturación. O seu fundador, Roberto Tojeiro, era orixinal das Pontes.

Recibiu e guiou ao grupo Fernando Sepliarsky, Director Técnico da planta. O percorrido comezou cunha introducción na show room e continuou polos diferentes procesos que conlevan á fabricación de parqué flotante. Os seus principais produtos son parqués, tarimas, laminados, revestimentos, rodapiés e adhesivos. Estes produtos están presentes no territorio nacional e en máis de setenta países de tres continentes.

Os visitantes, entre os que se atopaba o presidente da Asociación Galega de Patrimonio Industrial (BUXA) Manuel Lara, tamén desfrutaron dun percorrido polos principais recursos de patrimonio industrial das Pontes.

Como valoración global do proxecto “As Pontes Experiencia Industrial”, resulta necesario destacar a inmensa acollida da iniciativa, tanto das 10 empresas participantes coma das máis de 300 persoas que acudiron ás visitas. Un claro exemplo do interese que mostra este proxecto é que mañá venres día 2 visitarán As Pontes un grupo de blogueiros e periodistas especializados en viaxes para coñecer a iniciativa. Entre eles atópanse Javier Mazorra (Ocho Leguas), Maia Lutilsky (El Próximo Viaje) ou Frenchy (Galicia Mola).