As Pontes, 21 de Setembro do 2017

A Concellería de Atención Cidadá inaugurou onte e cun gran éxito de participación a primeira edición das Charlas Saudables, unha serie de conferencias que, dende o departamento que dirixe Montserrat García, xunto coa área Sanitaria de Ferrol e un coñecido medio de comunicación, permitirán á veciñanza pontesa coñecer os entresixos de diferentes doenzas e patoloxías do máis habituais hoxe en día.

O auditorio municipal alovi servirá de escenario para este ciclo que se estreou da man do cardiólogo Manuel López Pérez, especialista na área de cardioloxía do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, e que abordou un problema tan común como son as insuficiencias cardiacas.

O experto explicou as orixes desta patoloxía que, tal e como subliñou, a día de hoxe, é a máis común entre pacientes de mási de 65 anos. López Pérez afondou nas orixes desta problemática e é que, tal e como apuntou o cardiólogo, o corazón chega a un punto no que non é capaz de bombear sangue suficiente para alimentar o noso organismo, o que provoca que éste se estanque e que se acumulen líquidos en distintas partes do noso corpo e, moitas veces, con nefastas consecuencias.

López Pérez apuntou a unha vida sedentaria, a mala alimentación, o tabaco ou o alcol coma algúns dos principais factores que dan lugar a este tipo de patoloxías que, malia estar á orde do día, son do máis complexas e descoñecidas e é que unha insuficiencia cardiáca pode ter multitude de causas, e incluso non deixarse ver ata que a enfermidade está moi avanzada.

O experto tamén aproveitou esta primeira charla saudable para atender ás preguntas dos presentes que, de xeito anónimo, puideron recibir resposta ás súas cuestións.

O acto tamén contou coa presenza da edil impulsora desta iniciativa, Montserrat Garcia.

As charlas saudables regresarán xa en outubro, concretamente o día 25, ás 20.30 e tamén no Auditorio Municipal Alovi aínda que neste caso, cunha conferencia sobre as enfermidades de pulmón e o tabaco e que impartirá a neumóloga Carmen Diego Roza.